No dispositivo traballan 77 profesionais e dispoñen de 49 máquinas.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao Centro de Conservación da Xunta Ourense (Centro COEX) para supervisar os traballos que están a desenvolver os operarios da Administracion autonómica a prol da seguridade viaria dos condutores na época invernal de climatoloxía adversa.
Manuel Pardo trasladoulle os parabéns do Goberno galego polo traballo exemplar que levan a cabo tralo operativo para coordinar as actuacións e medios materiais e humanos con fin de garantir a vialidade das estradas, tendo en conta as últimas nevaradas e as actuais precipitacións persistentes que están a deixar rexistros moi elevados de auga e fortes ventos. Non deixou pasar a ocasión o delegado territorial para facer extensiva a felicitación aos traballadores das outras administracións como a estatal, a Deputación Provincial e os concellos pola boa coordinación encamiñada a garantir a seguridade viaria da cidadanía en situacións meteorolóxicas extremas.
O representante da Xunta lembrou o operativo que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas desprega na provincia de Ourense ao abeiro do Plan de Vialidade Invernal do Goberno galego, posto en marcha o pasado 1 de novembro e que estará operativo ata o 30 de abril, e fixo unha chamada á prudencia e á concienciación social dos condutores para que extremen as precaucións ao volante nesta época onde a climatoloxía é adversa.
O Goberno galego conta na provincia ourensá con 5 centros operativos de conservación e explotación dotados con máis de 2.000 toneladas de acopio de fundentes. Un dispositivo no que traballan 77 profesionais que dispoñen de 49 máquinas, entre elas, camións, pick-up, retros, cuñas, follas, esparexedores de sal e estendedores de salmoira.
A provincia de Ourense, con 81 estradas da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, é a que ten máis vías autonómicas sensibles de rexistrar incidencias por neve ou xeo. En total 1.026,56 km, que supoñen un 40% da súa rede autonómica, pero aproximadamente 410 km son os máis susceptibles de sufrir fenómenos meteorolóxicos adversos pola súa altitude (máis de 600 metros).
O Plan de vialidade invernal
O delegado territorial sinalou que coa activación do Plan, a Xunta quere garantir a mobilidade en condicións de máxima seguridade a todos aqueles cidadáns que a diario empregan as vías autonómicas para desprazarse. O programa recolle un conxunto de medidas preventivas para anticiparse aos problemas que poidan xurdir, e tamén paliativas, para reforzar a seguridade viaria ante situacións meteorolóxicas desfavorables.
A Xunta vén desenvolvendo todos os anos, entre o 1 de novembro de 30 de abril, o Plan de vialidade invernal mediante un amplo despregue de medios materiais e humanos para facilitar a mobilidade nos case 5.500 km de estradas da súa titularidade.
O obxectivo desta iniciativa é mellorar as condicións de circulación na rede de estradas da comunidade, que se poden ver dificultadas no inverno pola presenza de fortes choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve.
Ademais de recoller protocolos de actuación, o plan prevé unha especial vixilancia das estradas para detectar posibles incidencias; e a achega de información permanente aos usuarios, a través dos paneis informativos nas estradas, de internet e o teléfono (coa colaboración do 112 ou da DXT) ou coa difusión da situación nos medios de comunicación.





