A Xunta quere revitalizar os concellos rurais a través de axudas para rehabilitación de vivendas

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, visitou en Vilariño de Conso un dos inmobles beneficiados das axudas.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse ao Concello de Vilariño de Conso para, acompañado da súa alcaldesa, Melisa Macía, visitar un dos inmobles beneficiados das axudas aos concellos para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social, no que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas destinou preto de 150.000 euros para a súa reforma.

No encontro, o delegado territorial aproveitou para informar á rexedora da localidade, que a Xunta vén de lanzar unha nova convocatoria destas achegas dirixida aos concellos que conten con menos de 30.000 habitantes para estas actuacións en edificios da súa titularidade, como poden ser as antigas vivendas de mestres ou outros oficios. Esta orde está dotada un orzamento bianual de 2,1M€ de fondos autonómicos.

Manuel Pardo resaltou que na orde deste ano a contía das axudas increméntase nun 30%, de xeito que o importe máximo que se concederá para cada vivenda pasa dos 50.000€ aos 65.000€. O importe da axuda poderá acadar o 95% do custe da rehabilitación, sen superar a contía máxima. Ademais, no caso de que vivenda se atope en área Rexurbe, nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e Ribeira Sacra ou nun centro histórico declarado, o máximo acada os 68.000€.

Novo programa de axudas de rehabilitación de vivendas no rural dirixida a particulares
Durante a súa visita, Manuel Pardo destacou que o Goberno galego ten aberto o prazo de solicitudes dun novo programa de axudas dirixido a persoa físicas propietarios ou usufrutuarios para rehabilitar vivendas ou locais situados en concellos de menos de 5.000 habitantes, co requisito de que a vivenda rehabilitada ou resultante (por cambio de uso) debe destinarse a domicilio habitual e permanente, ben do seu propietario ou en alugueiro, neste caso, durante un mínimo 5 anos. A orde conta cunha partida bianual de 5M€ con fondos autonómicos (ampliables se o número de solicitudes excede a citada contía).

Nesta liña, o representante do Goberno galego explicou que a axuda cubrirá ata o 75% das obras, cun importe máximo de 30.000€, e as obras que se poderán acometer con estas achegas no marco da rehabilitación inclúen traballos de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sostibilidade e eficiencia enerxética. Tamén as actuacións para a medición e a execución de obras que eviten a entrada do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas. Así mesmo, no custe total das actuacións subvencionables pódense incluír os honorarios da redacción dos proxectos, informes técnicos e certificados necesarios, e os gastos derivados da tramitación administrativa. E tamén os gastos derivados de impostos, taxas e tributos, que estean debidamente xustificados.

O delegado territorial recalcou que esta nova liña, que poderá beneficiar a 82 concellos ourensás, é compatible con outras da mesma finalidade, tanto convocadas por outra consellería da Xunta ou outra administración, sempre e cando a axuda non supere o custo total das actuacións. Neste senso, incidiu en que as achegas son compatibles coas de adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, de xeito que por exemplo, se pode adquirir unha vivenda abandonada con esta subvención e reformala con esta nova axuda que se convoca. Por outra banda, no caso concreto das axudas do programa Fogar Vivo, non serán compatible coa axuda de reforma, pero os propietarios si poderán solicitar esta achega para cubrir o seguro de impago de rendas ou seguro multirrisco no fogar.