O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, recordouno na visita que realizou á empresas Mecanizados Losada.
O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, lembrou que ata o 19 de febreiro está aberto o prazo de solicitude das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Este presuposto conta cun orzamento para este ano de 2,7 millóns de euros, 600.000 euros máis que na anualidade anterior, e está cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
O delegado territorial fixo este recordatorio na súa visita, acompañado do alcalde, José Luís Suárez, ás instalacións da empresa Mecanizados Losada S.L. no concello de Monterrei; unha das entidades beneficiarias desta mesma orde de axudas na edición de 2025 con 66.600 euros. Na provincia de Ourense resultaron beneficiarias 12 iniciativas que recibiron preto de 372.000 euros.
Manuel Pardo explicou que o obxectivo destas axudas é contribuír ao financiamento de proxectos destinados á adquisición de bens de equipo inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes.
Polo tanto, salientou o delegado territorial, estas accións permiten tanto a ampliación e modernización do sector produtivo no medio rural, como a xeración das condicións necesarias para crear e consolidar emprego na comunidade autónoma, o que vai favorecer tamén a fixación de poboación na contorna rural.
As achegas van dirixidas a pequenas empresas situadas en zonas rurais e ás persoas físicas que residen nesas contornas e, a través delas, os beneficiarios poden financiar a adquisición de bens de equipo, o que favorece a ampliación e a modernización do sector produtivo no medio rural.
“Deste xeito, -engadiu o delegado territorial- contribúen ao desenvolvemento de actividades en ámbitos como a produción de bens e materiais, a transformación e comercialización de produtos agrarios ou a prestación de servizos”.
Segundo sinalou Manuel Pardo, o Goberno autonómico investiu máis de 20,6 millóns de euros nos últimos dez anos para financiar este tipo de proxectos. Este montante permitiu beneficiar a máis de 500 novas empresas que xeraron máis de 450 novos empregos e consolidaron 3.850 postos de traballo en toda Galicia.




