Afundación súmase á conmemoración do Día Internacional da Muller destacando a experiencia e historia das súas socias do Espazo +60 en Ourense

Do 2 ao 6 de marzo, o Espazo +60 Ourense Afundación conmemora o Día Internacional da Muller cunha programación especial que pon en valor o talento, a experiencia e a historia das mulleres da provincia.

Afundación, a Obra Social de ABANCA, conmemorará o Día Internacional da Muller no seu Espazo +60 en Ourense, do 2 ao 6 de marzo, cunha programación que pon en valor a traxectoria e o talento das súas socias, así como a contribución histórica das mulleres na provincia. A proposta enmárcase no programa «O valor da experiencia» da Área de Maiores de Afundación, que visibiliza as súas traxectorias vitais e profesionais, propiciando puntos de encontro e actividades que permitan mostrar esas valiosas aportacións.

A iniciativa susténtase asimismo no compromiso de Afundación coa promoción da educación en valores, identificándose co cumprimento do ODS-05 para a igualdade de xénero. A Obra Social ABANCA contribúe, a través da dinamización do coñecemento, ao avance cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Durante esta semana, o Espazo+ 60 de Ourense acollerá distintas actividades gratuitas que contribúen a estes fins a través do diálogo e a aprendizaxe. O martes 3 de marzo, ás 16.45 h terá lugar a charla-coloquio «Mulleres e emprego en tempos de cambio». Distintas socias do centro compartirán a súa traxectoria persoal e profesional, nun espazo deseñado para escoitar e compartir as súas experiencias e vivencias sobre a incorporación ao mundo laboral nun momento de cambio social, poñendo en valor os retos afrontados, as dificultades e os logros.
O mércores 4 ás 11.30 h a través da actividade «Mulleres de Ourense» farase un percorrido histórico guiado polo casco antigo da cidade para coñecer y recoñecer a vida e os logros de mulleres que deixaron unha destacada pegada. A ruta levarase a cabo en colaboración coa cooperativa Xeitura, dedicada á xestión integral do patrimonio.

Finalmente, para o xoves 5 de marzo programouse «Brillantes e invisibles. As creadoras borradas da Historia da Arte», unha charla na que se recuperarán as historias das mulleres creadoras que quedaron excluídas dos libros, das coleccións e dos relatos oficiais. Un percorrido para reivindicar a súa memoria e repensar a Historia desde un punto de vista máis xusto e inclusivo.