«Escribir é un defecto coma outro calquera»

Entrevista ao escritor Jorge Emilio Bóveda que presenta por Galicia a súa última novela «As portas condenadas».

Nova novela do escritor ourensán que nesta ocasión nos presenta a unha nova personaxe no seu universo literario: Eleusis Maside.

De que vai «As portas condenadas»?
Jorge Emilio Bóveda: «Basicamente dunha persoa que asiste a unha proba de selección para unha suposta produción audiovisual de moito renome que contra a metade do libro comeza a converterse noutra cousa ben distinta.
A novela está ambientada en Ourense baixo o nome de Auria en recordo de Eduardo Blanco Amor, e o Edificio da Deputación onde suceden as probas, está nomeado na ficción como Centro Cultural Tomás Manuel Bóveda na honra ao meu avó, pintor intimista a reivindicar».

Por que este título?
J.E.B.: «Porque as probas do cásting están detrás de catro portas moi concretas que os aspirantes terán que atravesar. Tamén porque hai un conto de Julio Cortázar titulado La puerta condenada que, inda que non ten nada que ver con este libro, impresionoume cando era novo. E logo, tamén, por outras ideas que se desvelan ao longo da lectura do libro».

Na novela combinas as dúas caras da moeda: optimismo e pesimismo; real e fantástico.
J.E.B.: «A verdade é que me gusta tensar a corda cun antagónico en cada extremo, como nese típico xogo de forza ao que xogabamos de nenos. Neste caso o pesimismo e o real turran da corda contra o optimismo e o fantástico, poñendo aos personaxes ao límite».

Nesta ocasión o protagonista e Eleusis, como é a súa personalidade?
J.E.B.: «Eleusis Maside tivo un pasado difícil: certas adiccións e indefinición persoal en moitos aspectos (laboral, social, etc.) e agora vese con cincuenta e pico anos vivindo coa nai anciá e sen horizontes, salvo engulir películas e series de televisión por cable (Netfilms na novela). Tan obsesionada está coas ficcións que traga seguido, que está convencida de que ela sería unha actriz extraordinaria. De aí que se presente a ese cásting moi consciente das súas capacidades interpretativas».

Que diferenzas ten co teu coñecido personaxe doutros libros Pastor Páez?
J.E.B.: «A verdade é que non ten moito que ver. É unha personalidade completamente distinta. Grosso modo, Páez é intimista, reflexivo e moi lector. Maside é interesada, irreflexiva e consumidora voraz de televisión. Poderíase dicir que o único que teñen en común é que os dous son de Ourense e viven en Ourense (Auria)».

Auria volve ser unha personaxe máis da túa obra, conviven no mesmo universo as personaxes desta novela xunto cos de outras ou é un universo distinto?
J.E.B.: «Si, por suposto que é o mesmo universo. De xeito velado, máis aí están os personaxes dos outros libros respirando a mesma intranscendencia que respira Eleusis Maside antes de entrar no cásting de As portas condenadas.
Eles son, entre outros, os inquilinos do edificio da novela Eternos Propietarios (Ed. Tandaia 2019), Leopoldo Pardo, da triloxía das Sete Mortes (Xerais 2018), deambulando polas rúas Aurienses, a familia Bouza da novela O sol do pasado (Urco 2014), o Pastor Páez que mencionamos antes; de excedencia na Policía Nacional e percorrendo os parques de Auria cos petos cheos de libros (O libro cero, Galaxia 2021 e Caixa B, Toxosoutos 2023). Incluso hai veces que Desiderio García aparece en Auria na súa moto procedente de Loirás para facer recados (Deserto García, Galaxia 2019)».

Dis que Eleusis non ten horizontes, mais cales son os horizontes de Jorge Emilio Bóveda na literatura?
J.E.B.: «Pois supoño que seguir sendo un lector compulsivo e desordenado e ofrecer a miña voz na escrita de vez en cando sen agardar nada. Sinto que, para ben ou para mal, teño moito que escribir.
Como lle comentei o outro día a unha persoa, a literatura é un defecto coma outro calquera».