Entrevista Nixon, líder de Reservados Band.
Os camareiros/artistas de Reservados Band fan as delicias dos clientes de varios locais ourensáns onde actúan.
Nesta entrevista conversamos con Nixon, líder de Reservados Band, un grupo que transformou o servizo de hostalaría nunha auténtica experiencia musical e humana.
Como xurdiu a idea de crear Reservados Band?
Nixon: «Reservados nace simplemente da necesidade de dignificar unha profesión que, en certo modo, está pouco valorada; de querer poñer en valor o artística que pode chegar a ser esta nosa profesión principal e, sen dúbida, de ofrecer aos espectadores unha versión máis humana dos artistas».
Son camareiros de profesión e músicos por paixón. En que momento decidiron combinar ambas as facetas nun mesmo espectáculo?
N.: «Xurdiu por necesidade, como xa comentabamos. Nós traballabamos habitualmente nun local nocturno onde a música en directo era o principal atractivo, pero había momentos entre actuacións nos que o local se enchía de clientes e botabamos unha man facendo o que mellor sabiamos. Todo naceu daquela broma de -tiramos cervexas e, acto seguido, tocamos as vosas cancións favoritas-«.
Por que o nome Reservados Band? Cal é a historia que hai detrás del?
N.: «Toda a nosa temática baséase en integrar o vocabulario da hostalaría na nosa expresión artística. En teoría, as persoas reservan unha mesa para vivir unha experiencia, e esa experiencia é precisamente a que nós queremos ofrecer».
O que fan non é só tocar música; é ofrecer un auténtico «servizo musical» directamente na mesa do cliente. Como reacciona a xente a primeira vez que os ve chegar?
N.: «Na maioría dos casos, a resposta é moi positiva. Nós xa somos persoas próximas e agradables como camareiros e, cando alguén recibiu o mellor da túa atención para que desfrute da súa estancia, é inevitable que despois tamén lle dea unha oportunidade á túa faceta artística».
Tamén aceptan peticións fóra do seu repertorio habitual. Cal foi a canción máis inesperada ou máis difícil que lles pediron interpretar?
N.: «Aínda que non o pareza, sempre é un reto cantar o «Parabéns». É inevitable pensar que estás dedicando unha parte do espectáculo a un momento moi especial para unha persoa. Ten que converterse nun recordo inesquecible».
Cren que esa experiencia lles axuda a conectar mellor co público durante as actuacións?
N.: «Sen dúbida. Permítenos vivir de primeira man as reaccións, o agarimo e a calor da xente. Ademais, xa chegamos ás actuacións cun coñecemento previo do carácter dos clientes, e esa dinámica axúdanos a reducir os nervios e a sentirnos na nosa zona de confort».
Seguro que teñen historias inesquecibles. Que actuación non esquecerán nunca e por que?
N.: «O noso primeiro concerto nunha terraza. Comezou sendo unha actuación para un par de mesas, pero acabou desbordándose e, cando nos demos conta, estabamos ofrecendo un auténtico concerto».
Que queren que sinta a xente cando rematen de escoitalos?
N.: «Que acaban de escoitar a uns músicos excepcionais, pero, sobre todo, a uns mozos traballadores e honrados, que viven as súas profesións con verdadeira paixón».
Se tiveran que definir Reservados Band en tres palabras, cales serían?
N.: «Experiencia, irreverencia e desfrute».
Que proxectos teñen previstos para os próximos meses?
N.: “Dereito de admisión. O noso primeiro álbum de estudo como banda está á volta da esquina. É un constante aceno á vida laboral e artística, sen perder o romanticismo nin as vivencias que nos acompañan. O primeiro tema deste proxecto estrearase o vindeiro 28 de xullo e leva por título «Montaña». Pedimos que presten atención a todo este traballo porque, igual que o noso espectáculo en directo, tamén pretende ser unha experiencia”.
Reservados Band forma parte do movemento cultural Nós a Xente do Redor. Que significa para vostedes pertencer a este colectivo e participar activamente nas súas iniciativas?
N.: «É sentirse na casa, sen ningunha dúbida. Estar rodeados de artistas de tal magnitude fai que medres e que amplíes a túa visión da arte. Pero, sobre todo, é sentirnos arroupados por persoas que xa consideramos parte da nosa familia».
Compuxeron a música do himno de Nós a Xente do Redor. Como xurdiu esa colaboración e que supuxo para vostedes poñer música a unha composición que encarna o espírito do movemento?
N.: «Todo naceu de dúas mentes brillantes, as dos nosos amigos e mentores Avelino Jácome e Armando González, piares fundamentais deste movemento. O amigo Armando González propúxonos a idea musical e, tras varios días de traballo no estudo, decidimos converter a sinxeleza nunha obra simbólica: crear un canto coral con carácter e cun profundo sentido de pertenza».
Por último, que invitación farían a quen aínda non viviu a experiencia de ser atendido —e sorprendido musicalmente— por Reservados Band?
N.: «A nosa proposta fai a invitación por si soa. O noso traballo consiste en ofrecer a mellor experiencia posible para que quen nos coñeza queira volver e recibir de novo a nosa mellor atención. A nosa invitación é a valorar tanto as nosas profesións como a nosa arte».






