Galicia avanza na economía circular e mellora da reciclaxe impulsando a separación de residuos

Nos últimos a Xunta mobilizou máis de 22 millóns de euros para axudar ás entidades locais a implantar a recollida separada e sistemas de compostaxe.

Galicia segue con paso firme na implantación da recollida separada de biorresiduos, como unha das pezas clave para mellorar as taxas de reciclaxe e cumprir os obxectivos europeos de economía circular. Por iso, a Xunta mobilizou, nos últimos anos, máis de 22 millóns de euros nos últimos anos para axudar ás entidades locais a implantar a recollida separada e sistemas de compostaxe.
Ao redor do 40% dos residuos domésticos representan a materia orgánica, sendo a súa correcta separación determinante para reducir o volume de residuos que acaban no vertedoiro e obter compost de calidade que poida volver ao solo como fertilizante natural.

O grado de implantación, do sistema de recollida separada da fracción orgánica, na comunidade é tal que 295 concellos dispoñen xa de sistemas específicos para a recollida de biorresiduos, ben sexa mediante o contedor marrón ou a través de sistemas porta a porta, así como os modelos de compostaxe doméstica e comunitaria.
O baluarte de isto é o Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia, que establece como unha das súas prioridades mellorar a recollida separada de materia orgánica para aumentar as taxas de reciclaxe e reducir a eliminación no vertedoiro.

Esta acción fai que estes residuos poidan ser tratados mediante procesos de compostaxe ou valorización biolóxica, xerando compost que pode utilizarse posteriormente en agricultura ou xardinería, pechando así o ciclo da materia orgánica dentro do modelo de economía circular.

Recursos
Esta transición require de investimentos e é por elo que a Xunta, entre 2018 e 2025, destinou máis de 37,6 millóns de euros en axudas a municipios para mellorar a recollida separada de residuos e modernizar as infraestruturas. Dentro destes investimentos, 22 millóns de euros mobilizáronse especificamente para proxectos vinculados á recollida e tratamento da fracción orgánica.
Estas axudas, nas súas distintas convocatorias, permiten financiar a implantación do contedor marrón en novos municipios, a compra de vehículos para a recollida de materia orgánica, o desenvolvemento de programas de compostaxe doméstica e comunitaria ou melloras en puntos limpos e outras infraestruturas municipais.
A nova convocatoria de axudas para 2026 reforza esta liña de traballo con máis de 5,1 millóns de euros adicionais, concentrando unha parte importante dos recursos na recollida e tratamento de biorresiduos.

Modelos
Ademais de sumar contedores marróns, Galicia apostou tamén por modelos complementarios como a compostaxe doméstica e comunitaria, especialmente en municipios rurais ou con baixa densidade de poboación.Son un total de 232 concellos os que participan en programas de autocompostaxe impulsados por Sogama, nos que tamén colaboran centros educativos e colectivos sociais. En total, distribuíronse máis de 23.000 composteiros de forma gratuíta.
Todo isto comeza a ter resultados, e no último ano a materia orgánica depositada no contedor marrón creceu un 282%, alcanzando máis de 3.000 toneladas entregadas nas plantas de tratamento de biorresiduos. Estes datos chegan grazas á crecente implicación da cidadanía e dos concellos na separación correcta de residuos.

Obxectivos
Europa establece obxectivos cada vez máis esixentes en materia de reciclaxe e redución da vertedura. Mellorar a separación en orixe e aproveitar mellor os residuos orgánicos é fundamental para alcanzalos. Por iso, a colaboración de todos -de grandes infraestrutiras a pequenos xestos cotiáns- é imprescidible.