A Xunta investirá 400.000 euros.

Melloras no CEIP de Seixalbo para a eficiencia enerxética

O CEIP de Seixalbo, un dos dous centros educativos nos que durante o verán se executarán obras de eficiencia enerxética. Ademais, tamén se levarán a cabo outras actuacións de mellora para manter a calidade e mellorar esta edificación educativa.

Estas actuacións enmárcanse dentro da liña da Consellería de acondicionar e renovar os centros públicos de toda Galicia de xeito que o alumnado conte cunhas instalacións axeitadas para o correcto desenvolvemento da actividade educativa.

No CEIP de Seixalbo executarase un proxecto que suporá un investimento próximo aos 400.000 euros, financiado con fondos europeos Feder. Así, procederase ao illamento da fachada, da cuberta e da caixa de persianas, así como a substitución das fiestras que aínda non foran cambiadas. Ademais, se levará a cabo a substitución de luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, con detectores de presenza nas zonas comúns.

Outras obras
O colexio sufrirá outras obras que consistirán na substitución de falsos teitos, a reparación e pintado de zonas interiores e exteriores, así como a revisión da instalación eléctrica. O orzamento das mesmas será de 70.000 euros.

Proximamente licitaranse estas obras de mellora que se executarán durante o período non lectivo das vacacións de verán.