Celebrarase os próximos días 13 e 14 de maio.

Curso de apicultura en Cualedro

Os veciños e veciñas da comarca de Verín terán a oportunidade de adentrarse no fascinante mundo das abellas esta primavera. A fin de semana do 13 e 14 de maio a Asociación Galega de Apicultura en colaboración coa empresa Apilarouco celebrará un curso básico de apicultura para que as persoas interesadas poidan adquirir os coñecementos básicos para desenvolver unha actividade apícola que reporta numerosos beneficios, dende a colleita dos seus valiosos produtos ata a mellora na produción da horta, pasando polo pracer de adicarse a unha actividade en contacto coa natureza e que contribúe ademais ó coidado do medio ambiente.

O programa do curso, de 12 horas de duración, inclúe unha parte teórica na que se explicarán os principais aspectos para coñecer as abellas e como coidalas, e unha parte práctica, na que os participantes visitarán un colmear e aprenderán como realizar o manexo das colmeas e as tarefas apícolas necesarias para a colleita dos seus produtos.

O curso ten un custe de 50 € e para os socios e socias de AGA é gratuito. Tamén hai a posibilidade de asociarse a AGA, co pago dunha cuota anual de 50 €, e ademais de poder participar no curso de balde pódese recibir un asesoramento técnico durante todo o ano, xunto co resto de servizos que ofrece a asociación. Coa inscrición no curso vai incluida a publicación de AGA «Curso de apicultura», un manual práctico sobre apicultura que inclúe a información principal explicada durante o curso. Para anotarse poñerse en contacto coa asociación no  teléfono 981 508 142 ou no email info@apiculturagalega.es.

Información completa do programa de formación de AGA pódese consultar na web www.apiculturagalega.es.