Unhas celebracións pensadas para todos os gustos e todas as idades.

O mercado medieval, as barracas e a batalla de flores, protagonistas nas festas do Corpus

Pero como non só de música viven as festas, as de Ourense ofrecen unha ampla programación máis aló dos altavoces, dos micros e dos instrumentos musicais.
O mercado medieval, que tanto éxito ten desde que se instaurou nas Festas do Corpus. Novamente estará ubicado no casco histórico da cidade do 29 de xuño ata o 2 de xullo (de xoves a domingo).

Este ano regresan as barracas. Nesta ocasión estarán ubicados xunto ao Pavillón Municipal dos Remedios, polo que se pechará a rúa ao tráfico durante os 10 días de festas.

O teatro e a maxia estarán moi presentes nestes días con varias representacións. A Alameda será o lugar onde teñan lugar dúas representacións (ás 12 e as 20 horas), do 25 ao 30. O domingo 25 representación da obra “Un día de praia”; o luns 26, “Metamorfose”; o martes 27, “A viaxe do mércores”; o mércores, 28, “Diábolo, música e circo”; o xoves 29, “O show do mago Lebart”; o venres 30, “25 anos de tolemaxias”.

Tamén haberá microteatro en horario de 20 a 21:15 horas na Sala Valente (antigo Banco de España). Serán o venres 30 e sábado día 1 con Sergio Pazos e Tonino Guitián que actuarán coa obra “Los hijos de puta”; cada un dos días haberá seis pases de 15 minutos de duración cada un.
Os centros expositivos tamén estarán abertos ao público para mostrar as exposicións que terán as súas salas durante estos días.

Batalla de Flores
A Batalla de Flores quere recuperar este ano o espírito tradicional e, como novidade, modificará o seu percorrido. Sairá, ás oito da tarde, da parte baixa da Alameda cara ao progreso e realizará un percorrido circular entre Alférez Provisional (cruzamento Xoán XXIII) e praza Concepción Arenal.

Deporte
O deporte non faltará á cita. O sábado 24, celebrarase o 49º descenso do Miño, cuns 500 palistas participantes. Tamén haberá wushu (día 24 e 25); fútbol sala (día 26); natación (1 e 2 de xullo); basket 3×3 (os días 29 e 30 de xuño), entre outras actividades como poden ser escalada, pedestrismo, aeromodelismo ou mesmo volei praia.