Rosa Quintana presenta informe da EVEGA

As cinco denominacións de orixe de viño de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) producen anualmente uns 35 millóns de litros de caldos cualificados, cunha facturación de preto de 150 millóns de euros.

Na nosa comunidade hai un total de 446 adegas inscritas nalgunhas destas denominacións de orixe, dentro dun sector que supón un medio de vida e traballo de xeito directo para aproximadamente 17.500 persoas.

Estes datos foron destacados pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na presentación do informe de xestión da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA). Este centro, que depende da Consellería do Medio Rural e do Mar, realizou en 2014 un 30% máis de mostras e un 27% máis de ensaios, pasando de 2.650 mostras en 2013 ás 3.429 de 2014 e de 18.931 ensaios no 2013 a 24.101 en 2014. Ademais, levou a cabo nestes dous anos un total de 75 accións divulgativas, 9 xornadas técnicas e outros 9 cursos de formación, nos que se inscribiron 268 alumnos. Por outra banda, a EVEGA realizou unhas 500 accións de asesoramento directo a viticultores e adegueiros de toda Galicia.

Na súa intervención neste acto, a conselleira do Medio Rural e do Mar felicitou aos responsables da EVEGA por este balance, cando se cumpren 30 anos da súa historia, e sinalou que neste tempo non deixou de “renovarse e de emprender novos proxectos sen esquecer nunca as actividades que anualmente leva a cabo e que supoñen unha axuda á formación teórico-práctica dos membros deste sector”.

Rosa Quintana indicou que a Administración, consciente das necesidades do sector do viño, pon ao seu dispor por medio da EVEGA os necesarios servizos de asesoramento, investigación, transferencia tecnolóxica ou formación. Desta forma, engadiu, o Goberno galego demostra a súa “aposta forte polo sector, polo seu futuro, pola modernización, sen perder de vista as orixes, e pola tecnoloxía”.

Neste contexto, a conselleira destacou a consecución por parte da EVEGA da acreditación ENAC para varios métodos analíticos, unha credencial que –dixo– “estou segura marca un antes e un despois non só neste centro senón na verificación da calidade dos nosos viños”. En relación con esta proxección dos nosos caldos, Rosa Quintana sinalou tamén que “os nosos viños son os mellores embaixadores que podemos ter e así podemos presumir de ter exportado xa preto de 63.000 hectolitros no pasado exercicio”. Engadiu que por parte da EVEGA existe a garantía de que este centro vai “continuar polo camiño de apostar pola excelencia dos nosos caldos”.