Acto na Ïnsua dos Poetas

A Ínsua dos Poetas (A Esgueva, O Carballiño) foi escenario dunha emotiva homenaxe que conmemorou os días da Poesía, da Auga e da Árbore.

Discursos para poñer en valor a importancia da palabra e de defensa do noso medio natural, unidos á lectura de poemas de Rosalía e Pondal, por parte de alumnos dos colexios “Vila do Arenteiro” e “Sagrado Corazón”, do Carballiño, conformaron un acto cargado de ourensanía que o presidente da Deputación de Ourense definiu como “o futuro”, en referencia ás nenas e nenos que xunto cos seus profesores se deron cita na fermosa contorna de Madarnás, “na República Independente da Ínsua dos Poetas”, como a cualificou Manuel Baltar.

“Con actos como este facemos Ourense –dixo Baltar-, porque honramos á palabra e tamén a auga, elemento importante nunha provincia como a nosa onde o termalismo está a xogar un papel fundamental de desenvolvemento, e onde tamén poñemos en valor ao noso medio natural simbolizado na árbore”.

Xunto ao presidente provincial, no acto tamén participaron o presidente da Fundación Ínsua dos Poetas e do PEN Galicia, Luis González Tosar; o secretario desta fundación, Xabier Castro, e os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, ademais doutros representantes institucionais e culturais.

González Tosar reivindicou protagonismo da palabra “para que ocupe un lugar principal nun día como o de hoxe, neste espazo libre, aberto, común e plural que é a Ínsua dos Poetas, onde falamos da conservación da natureza e de literatura como expresións dos seres humanos”

Anxo Lorenzo dixo que este acto “converte á Ínsua dos Poetas nun dos epicentros da creatividade galega», e afirmou que dende a posta en marcha deste proxecto, hai seis anos, “sempre destacou o seu labor por difundir a poesía e transmitir a idea de lingua baixo o concepto de liberdade de expresión”.

O acto rematou coa interpretación por parte dos asistentes de “Ourense no solpor”, Himno Oficial da Provincia de Ourense, e c cunha plantación de amieiros na zona da Ínsua.