O alcalde asegura que, aínda que non está renovado o contrato coa empresa encargada da xestión, ata que se resolva o concurso esta seguirá prestando o servizo.

 

Democracia Ourensana vén de denunciar que Ourense cidade se enfronta de forma inminente a un apagamento semáforico, ao expirar o contrato de regulación semafórico, e non estar claro que sexa posible a súa continuación legalmente. «O caos circulatiorio podería producirse a partir do próximo mércores 20 de maio», advirten.

SICE, empresa concesionaria do servizo de regulación semafórica (que inclúe tamén os bolardos) reuniuse con DO para denunciar a actual situación. Esta empresa leva a xestión dende 2003, renovando o contrato cada 4 anos, este último expira o próximo día 19 de maio. Segundo explican dende a empresa o Concello atópase en negociacións coa mesma, “dando longas”, din dende DO.

“O problema é que 6 meses antes de que expire o contrato, os servizos xurídicos do Concello poderían non dar o visto bo á súa legalidade, e o alcalde non ten ningunha solución a 20 días da data límite”, denuncia o partido de Gonzalo Jácome.

O alcalde nega o apagón

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, vén de negar a posibilidade que denuncia DO de que se vaia a producir «un caos circulatorio» por un posible apagón semafórico debido a que polo momento non foi renovado o contrato á empresa que se encarga do servizo.

O rexedor asegura que SICE tivo seis meses para solicitar unha nova prórroga de catro anos, pero “pediuna moi tarde e sen que os servizos municipais puidesen realizar os informes pertinentes».

Por último, Agustín Fernández tranquilizou aos veciños e negou a credibilidade da denuncia de Jácome, «como noutros casos, e ata que non se resolva o novo concurso, a empresa seguirá prestando o servizo, iso si en precario».