Os informes realizados polos departamentos de enxeñería, arqueoloxía e patrimonio tentan garantir a solución máis axeitada para a futura conexión con Monforte e a diminución do impacto das conexións de túneles e cubrición de vías.

A Xunta de Goberno Local acordou tomar coñecemento dos informes realizados con respecto ao proxecto da Alta Velocidade remitido polo Ministerio de Fomento no treito comprendido entre entre Taboadela, Seixalbo e Ourense.

O proxecto presentado foi informado polo servizo de Enxeñería Municipal, o servizo de Arqueoloxía, Patrimonio (en relación aos anexos de expropiacións), Patrimonio Cultural e informes xurídicos, unidos ao informe presentado polo equipo redactor do Plan Xeral aprobado inicialmente, e dáselle traslado dos mesmos ao Ministerio de Fomento, a ADIF, para o seu coñecemento e que sexan tidos en conta.

O Concello de Ourense recibiu o mes pasado os proxectos constructivos para a execución das obras da plataforma de Integración Urbana e acondicionamento da Rede Ferroviaria de Ourense no último tramo dende a estación de Ourense a Seixalbo remitidos por ADIF, e como administración con competencias urbanísticas realiza un informe de control sobre o cumprimento do estudo informativo que foi aprobado no ano 2014, xa que o proxecto constuctivo ten que axeitarse ao mesmo do xeito máis axustado ao mesmo.

As liñas xerais dos informes realizados baséanse en garantir a solución máis axeitada para a previsión do encontro coa futura vía Ourense- Monforte- Lugo, nas condicións previstas inicialmente no Estudio Informativo á altura de Oira; minimizar o impacto do pórtico de cubrición das vías entre peliquín e a avenida de Santiago; considerar a solución arquitectónica máis axeitada para a nova ponte sobre o río Miño que se situará nas proximidades da presa de Velle; e diminuír o impacto dos cortes topográficos na embocadura dos túneles e particularmente a de novo acceso no núcleo dos Viros á plataforma de seguridade da embocadura do túnel de Montealegre.

Alegacións ao proxecto do treito Seixalbo-Taboadela
Doutra banda, Fomento tamén deu audiencia ao proxecto do treito anterior comprendido entre Seixalbo e Taboadela para que se fagan as alegacións pertinentes. Neste treito se manteñen os trazados previstos inicialmente, e o Concello solicitou un perfeccionamento do documento centrado na reposición de camiños en Seixalbo (vía da Prata, camiño de Seixalbo ao Cumial e Seixalbo a Zaín) e as consideracións de mellor tratamento dos taludes que provoca a construcción das vías dende o val de Seixalbo ata a saída do termo municipal sobre o río Barbaña.