Baltar con representantes da cultura

O candidato popular á presidencia da Deputación presentou no Castelo de Maceda as liñas básicas e actuacións concretas en materia cultural do Plan Ourense 15-19.

A cultura será o eixo vertebrador da política provincial nos vindeiros catro anos. Así o puxo de manifesto este mércores, no Castelo de Maceda, o candidato á presidencia da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, nun encontro con representantes da Cultura da provincia.

Manuel Baltar deixou claro que «a identidade é cultura. A Ourensanía nace da cultura propia». Por este motivo, o compoñente cultural no Programa de goberno provincial Ourense 15-19 conta cun marcado protagonismo, no que sobresaen proxectos tan significativos para a identidade ourensá como son o Museo Galego da Emigracion e o Museo da Roda de Afiar, apostas fundamentais do novo mandato.

Manuel Baltar explicou que a Deputacion «é un «goberno esponxa», aberto a calquer iniciativa cultural e baseado na participación e nos costumes e usos de Ourense».

«A cultura ourensá non coñece límites. As industrias culturais e creativas serán prioritarias e crearán emprego: o turismo cultural como plataforma de crecemento», matizou o candidato popular provincial para fundamentar o compoñente xerador de riqueza que é a dinamización cultural.

«Somos un pobo emigrante e traballador. Pero tamén creativo. Sexamos ambiciosos», concluiu Manuel Baltar.