Candidatos de Anova

O nº 1 de Anova ao concello de Ourense, Lito Prado, así como boa parte da candidatura, presentaron unha das medidas prioritarias para estas eleccións municipais: a creación dunha caixa local propia.

A idea é que esta caixa local favoreza o crédito ás pequenas e medianas empresas, potencie o emprego feminino e xuvenil e en consecuencia axude a fixar poboación e á recuperación económica da nosa cidade.

Desde Anova-Ourense consideran urxente a creación dunha ferramenta financeira a nivel local porque «o acceso ao crédito por parte dos cidadáns de Ourense, é un dereito e unha necesidade, aínda máis nas circunstancias actuais de crise», porque o sector financeiro actual «non chega a satisfacer esa demanda por parte da poboación, e se o fai é exclusivamente en termos que non sempre fan viable a financiamento de proxectos que si serían factibles baixo outros criterios mais estratéxicos ‘para a cidade'».