Candidatos do BNG

A deputada Tereixa Paz, facia mención a residencias e centros de día rematados dende o ano 2009 pero que non se poñen ao servizo da cidadanía, a saber, O Carballiño, Nogueira, San Cibrao e Pereiro de Aguiar.

 

Porén, hai concellos que nin sequera contan con instalacións, Barbadás e Paderne de Allariz. Neste caso, o candidato, Daniel Gómez, propón rehabilitar a estación de Cantoña para adicala a centro de día “no canto de acoller o “Museo das Lembranzas” como quer facer o PP porque lonxe de dar servizos para que a xente non abandone as aldeas queren facer museos para nos lembremos de que algunha vez houbo vida no rural ourensán”.

Pola súa banda, o candidato nacionalista á alcaldía do Pereiro, Rubén García reivindicaba a apertura “dun centro de día que custou un millón de euros e que hoxe está comido polas herbas. As obras remataron no ano 2009 e comenzou a funcionar no 2013 con xestión privada. Os prezos duplicaban o doutros centros polo que as instalacións tiveron que pechar aos poucos meses por falta de ususarias-os”.

Similares son os casos de Nogueira de Ramuín e San Cibrao. En ámbolos dous se contruiron infraestruturas para adicalas a residencia e centros de día que nunca chegaron a funcionar. A candidata de Nogueira, Carmen Armesto criticaba que se gastaran 1,6 millóns de euros nunhas instalacións que hoxe están en desuso mentres o concello chega a un acordo coa Fundación San Rosendo para empregar parte das instalacións do seu xeriátrico e dar este servizo municipal a 9 persoas, cando máis do 40% da poboación de Nogueira supera os 65 anos.

Pola súa banda, Manuel Estévez Viriato, cabeza de lista de San Cibrao apuntaba que o motivo polo que non se abre o centro de día e pola existencia de varios xeriátricos privados neste concello.

Ourense é a provincia máis envellecida do país e a que menos prazas públicas ten para atender a maiores e dependentes, salientan desde o Bloque. Tereixa Paz subliñaba que a xente ten agora a oportunidade de decidir cal é o modelo social que quer, atención pública e de calidade ás necesidades sociais ou servizos privatizados.

No caso da cidade, o único centro de día que só ten capacidade para atender a 26 persoas é de xestión privada. Cando hai uns meses se redactou o regulamento deste servizo, o BNG pediu que se optara pola xestión pública así como pola necesidade de aumentar as prazas. A candidata, Susana García, apuntaba que “nas reunións que levamos feito polos barrios e rural da cidade moitas veciñas-os ofreceron terreos para que o concello constrúa centros de día. Nós comprometémonos con eles e con toda a cidadanía a traballar para que, o antes posíbel, poidan funcionar en Ourense máis centros de día”.