Besteiro e Barquero

O secretario xeral do PSdeG chama aos ourensáns a non permitir “que Feijóo substitúa un alcalde de todos os veciños por un amigo seu, dos que sabe que non se atreven a dicirlle que non”.

 

Gómez Besteiro participou este mércores no mitin central de Ourense xunto co candidato á alcaldía, José Ángel Vázquez Barquero, e reivindicou o papel dos socialistas como “o partido da Galicia real”, tamén “a Galicia das persoas ás que o PP defraudou e deixou tiradas unha vez acadado o seu voto”.

Besteiro confrontou esa realidade co “lonxe que se atopan os dirixentes do PP da situación real das persoas nos seus concellos”, exemplificada na frase pronunciada onte por Rajoy (“Quién habla hoy del paro en España?”). Ante isto, respondeu o socialista: “Claro que falamos de paro en Galicia e en Ourense; falamos de paro, precariedade e emigración”, dixo, co dobre do número de parados na provincia desde que Feijóo está na Xunta, un 40% dos que teñen traballo que non chega a ser mileurista, e 12.000 persoas, principalmente mozos e mozas, que abandonaron a provincia.

O secretario xeral do PSdeG reivindicou a necesidade de continuar co proxecto socialista e chamou aos ourensáns a “non permitir que Feijóo substitúa un alcalde de todos os veciños por un amigo seu, dos que sabe que non se atreven a dicirlle que non”. Tamén chamou a “non deixar que os Baltar lle contaxien á cidade a súa capacidade de deprimir territorios”, xa que “as zonas máis dinámicas de Ourense” son as que gobernan os socialistas, a propia cidade, O Barco, Ribadavia ou Amoeiro, por exemplo.

“Os socialistas fixemos da cidade de Ourense a capital galega do termalismo, un exemplo de dinamización do centro urbano e a porta da alta velocidade galega. E que fixeron os Baltar pola provincia coa aquiescencia de Feijóo? Paro, precariedade e emigración”, insistiu. Sobre o candidato á alcaldía destacou que “Barquero ten un traballo como concelleiro que o avala e foi elixido polos ourensáns, mentres que o ex conselleiro foi enviado aquí a dedo polo xefe do seu partido”.