Ourense en Común

A plataforma cidadá propón a creación dun Servizo de Emerxencia Social que atenda a situacións de necesidade social extrema e urxentes.

 

Ledicia Piñeiro, número dúas da candidatura veciñal Ourense en Común explicou en rolda de prensa o compromiso firme coa loita contra a pobreza, que afecta a un 23% das persoas do concello de Ourensel. “Tras estudar as propostas da rede Rede Galega de Loita contra a Pobreza- EAPN Galicia coa que xa tivemos contacto no noso Programa Participativo decicimos na Asemblea polo Común asinar o “Compromiso coas persoas” nos apartados 5 a 15, un pacto contra a pobreza a pola inclusión social, que tamén asina o noso candidato á alcaldía Miguel Doval”, explicou Ledi Piñeiro.

Servizo de Emerxencia Social e Fondo de Protección Social
Ourense en Común presenta medidas concretas de emerxencia social como a creación dun Servizo de Emerxencia Social que atenda a situacións de necesidade social extrema e urxentes, dando unha resposta inmediata que as resolva ou remedie, derivando estes casos posteriormente aos servizos sociais para unha solución estrutural e permanente. “A tramitación de axudas de emerxencia social non pode tardar meses e iso está acontecendo, por iso queremos tamén axilizar a
lista de espera para ter cita cunha traballadora social do Concello”, apuntou Ledicia Piñeiro.

Ourense en Común porá en marcha un Plan de Emerxencia Infantil no que os centros (educativos e sociais) poidan identificar, ca colaboración de equipos docentes e educadoras de rúa, casos de pobreza ou exclusión social e actuar canto antes dende a súa detección. Tamén realizará un Programa Educativo de Rúa para articular unha rede preventiva socioeducativa de detección de situacións de exclusión e/ou risco de exclusión. Será xestionado por educadoras de rúa que formaran parte, xunto as traballadoras sociais e as educadoras dos equipos, dos Servizos Sociais Comunitarios.

“Crearemos un Fondo de Protección Social, para unificar as diferentes axudas municipais de emerxencia e inclusión que existen para camiñar cara unha renda mínima, xestionada dende o ámbito municipal, para soportar a situación de ausencia de ingresos ou precariedade de cada vez máis persoas no noso concello”, explicou Ledicia Piñeiro. “E tamén queremos que o Concello garanta os subministros básicos, polo menos os dependentes da corporación lLocal (auga, recollida de residuos, etc.) a persoas e familias en situación de vulnerabilidade”, engadiu.

Para atender as necesidades das persoas que o precisan hai que dotar de persoal aos Servizos Sociais e para garantir a cobertura e calidade dos servizos. “Tamén na liña das propostas do compromiso coas persoas de EAPN-Galicia falamos da creación dun Conselllo de Benestar Social, onde estén representadas todas as entidades que traballan no terceiro sector e que institucionalice a interlocución e a participación na construción das polticas sociais e de inclusión do Concello. Nós fomos quen de recoller no noso Programa Participativo a sensibilidade do terceiro sector social e a súa experiencia e queremos trasladarlas ás pollíticas municipais de Benestar Social”, asegurou Ledicia Piñeiro.

Emprego de calidade. Bolsa local de emprego

“Nós cremos que o Concello si que pode dinamizar o emprego”, dixo Carlos Miguélez, número cinco da lista, que expuxo as medidas do Programa Participativo de OUeC sobre Empregro. “A loita contra o desemprego ten que ser un grande reto para a Administración Local. E o desemprego que temos en Ourense é un desemprego estructural tamén culpa da deixadez das
intitución públicas que non fixeron nada, para evitar que que se destruíse emprego” maifestou Carlos Miguélez.

“Crearemos unha bolsa de traballo social. Temos que estudar as necesidades sociais sen cubrir (coidado de persoas dependentes; conservación e recuperación do medio; rehabilitación do patrimonio, infraestruturas e vivenda; reciclaxe e aproveitamento de residuos; servizos educativos, sanitarios e de benestar social…) e en base a esas necesidades cear emprego nestas actividades. Con base no financiamento público e apoiada tamén pola colaboración privada, a través de
empresas públicas ou ben de entidades sen ánimo de lucro, xeraranse proxectos para os cales se vaia contratando de xeito paulatino, tendo en conta os orzamentos municipais”, explicou Miguélez.

Cómpre dar apoio ás iniciativas sociais e emprego por medio de servizos e información e asesoramento, creación de redes de apoio, dotación de infraestruturas e equipamentos e, cando isto sexa posible, por medio do financiamento directo, o establecemento de axudas e subvencións e/ou a contratación directa de persoas obxecto destas actuacións.  “E nós imos priorizar as contratacións, concesións e axudas a empresas e entidades que demostren un compromiso coa creación de emprego de calidade”, engadiu o candidato.