A Universidade de Vigo vén de aprobar a memoria inicial do Grao en Enxeñaría Aeroespacial para a súa implantación no curso 2016-17.

Dende a Plataforma Pro Campus amosan a súa satisfacción ao observar que este proxecto «camiña con paso firme». «Produce moita satisfacción comprobar que, tal e como demostrou en 2013 con Enxeñaría Física, a Universidade de Vigo volve apostar forte para cubrir o vano científico-tecnolóxico da oferta académica do campus de Ourense«, indica o colectivo nun comunicado.

Pro Campus tamén agarda que desta volta o proxecto non se frustre en instancias superiores. «De consumarse a implantación do Grao en Enxeñaría Aeroespacial en Ourense, estaríamos ante unha conquista social en toda regla. Polo de agora, debemos remarcar que a longa loita por un campus digno está a producir os resultados apetecidos», conclúen.