Gonzalo Jácome

Democracia Ourensana, o gran vencedor da noite, con oito edís. O PP o partido máis votado, con 10 edís. Ourense en Común entra na corporación con tres concelleiros. O PSOE afúndese ata os seis concelleiros. BNG desaparece da corporación ourensá.

Volco espectacular o que se viviu nesta xornada electoral na cidade de Ourense. Malia que o PP gañou as eleccións, con 10 edís, pódese considerar a Democracia Ourensana como o gran vencedor, ao cuatriplicar os seus concelleiros, obtendo 8 actas. O terceiro gañador é Ourense en Común, que irrompe na corporación ourensá con tres concelleiros.

Do bando perdedor, os socialistas, que pasan de 11 a 6 edís, e o BNG que perde os tres concelleiros que tivo en 2011.

Co 98,6% do voto escrutado, na cidade de Ourense votaron 53.776 persoas dun censo total de 87.000 electores (un 62,12% de participación).

{gallery}stories/eleccions/20150525_resultados{/gallery}

Valoracións

O líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, resaltaba o “impresionante” que era conseguir estes resultados por parte dun partido independente pero engadía que “esta vitoria no es nada si no somos capaces de plasmar este fenómeno”. Con respecto ao futuro da alcaldía de Ourense, Jácome apuntaba que a partir de mañá intentará formar goberno. “Los ourensanos me han puesto aquí y no pararé hasta transformar esta ciudad”, concluía.

O virtual gañador das eleccións, o popular Jesús Vázquez, dixo quedar coa “mensaxe” da “necesidade de diálogo” que enviou o electorado ourensán. Con todo, recordando que o PP foi a primeira forza, Vázquez pon nas mans do seu partido “sacar esta cidade adiante” e “cumprir o noso programa”.

O novo edil de Ourense en Común, Miguel Doval, tildaba de “éxito absoluto” o resultado para esta formación, creada hai menos dun ano e agora con tres concelleiros no consistorio ourensán. “O único que queremos é chegar ao Concello para poñelo a disposición dos cidadáns; non imos entrar en pactos con ninguén, o noso pacto é coa cidadanía”, resaltaba o histórico dirixente vecinal.

BNG, que queda sen representación, recoñecía no seu twitter que os resultados son “decepcionantes” pero sinalaba tamén que “seguimos aquí, o nacionalismo non se rende e seguiremos traballando por Ourense, dende onde nos toque”.

Quen será o alcalde?
O que non saberemos aínda nesta noite electoral é quen sentará no sillón da alcaldía a partir do vindeiro 13 de xuño. Situada a maioría absoluta en 14 actas, cifra que ningún partido alcanzou, ábrense varios escenarios por diante. Dunha banda, deixar gobernar ao partido máis votado, o PP, con apoios puntuais. Doutra, os pactos. Neste sentido, Gonzalo Pérez Jácome apuntara na campaña que antepuña “o programa ás persoas”, o PP, que estaba aberto ao diálogo, o PSOE, que só pactaría con forzas progresistas, e Ourense en Común, que non entraría “en intercambio de sillóns”.

27 novos concelleiros

A corporación ourensá queda agora conformada por Jesús Vázquez, Sofía Godoy, Francisco González, Ana María Fernández, Pepe Araujo, Isabel Mª Castelo, Jorge Pumar, Mario Guede, Belén Iglesias e José Jesús Cudeiro polo PP; Gonzalo Pérez Jácome, Armando Ojea, Ana Isabel Rebanales, Mª Teresa Rodríguez, Domingo Castro, Manuel Álvarez, Pablo Prol e Laura Novoa, por Democracia Ourensana; José Ángel Vázquez Barquero, Carmen Rodríguez Dacosta, José María García Tejerina, Juana Ageitos, Javier Rey, e Custodia Concepción García polo PSOE; e Miguel Doval, Ledicia Piñeiro e Martiño X. Vázquez por Ourense en Común.