Fotobiografía de Otero Pedrayo

O próximo xoves día 4 de xuño ás 19h30, no marco da Feira do Libro de Ourense.

 

A Feira do Libro de Ourense de acolle o próximo xoves día 4 de xuño ás 19h30 a presentación do libro «Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976)», por parte dos seus autores, Patricia Chachero e Afonso Monxardín, e máis do presidente da Xunta de Goberno da Fundación Otero Pedrayo, Víctor F. Freixanes.

«Ramón Otero Pedrayo. Unha fotobiografía (1888-1976)» é unha obra divulgativa ilustrada con máis de 400 documentos gráficos, en boa parte inéditos ou pouco coñecidos, que contextualizan a traxectoria vital de quen se ten dado en chamar o patriarca das letras galegas, unha das figuras literarias e intelectuais que concita maior admiración no seo da cultura galega.

As imaxes e os textos incluídos son froito dun traballo de escolma e recuperación levado a cabo nos fondos de institucións como a propia editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol de Vigo, a Real Academia Galega, o Museo de Pontevedra, o Arquivo Histórico Provincial de Burgos, o Museo do Pobo Galego e La Región, ademais de achegas de particulares. Retratos dos pais e do resto dos familiares, do escritor canda neno ou como estudante de ensino medio; imaxes que nolo amosan como comprometido membro da Xeración Nós e activo integrante do Partido Galeguista; fotos que nos falan do seu labor docente nos anos 40, dos anos que pasou en Compostela como profesor universitario na Facultade de Historia e tamén, instantáneas dos últimos anos, do seu compromiso coa cultura galega e significado icónico dentro da mesma, estruturan esta obra que procura esclarecer e divulgar o herdo do gran mestre, Otero Pedrayo.

Esta obra foi editada pola Fundación Otero Pedrayo, en colaboración coa Editorial Galaxia, e contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Deputación Provincial.