Executiva Provincial do PSOE

No conxunto da provincia de Ourense, a Comisión Executiva Provincial do PSdeG amosa a súa satisfacción polos resultados electorais acadados o pasado 24 de maio.

 

Neste senso, destaca o incremento do número de concelleiros e concelleiras obtidos, cun total de 234, fronte aos 224 acadados en maio do 2011.

Asemade, salienta como moi significativo o feito de conseguir o goberno dos concellos máis poboados da provincia, agás a capital, con especial relevancia dos resultados de O Barco, O Carballiño, Verín e Barbadás, cunha poboación global de case 60.000 habitantes.

«Isto permite augurar un futuro esperanzador para o socialismo provincial ourensán nos vindeiros comicios estatais e autonómicos», indicaron nun comunicado.

Negativos na cidade

Non obstante, a Executiva Provincial considera «moi negativos» os datos obtidos na capital, coa perda de 10.000 electores e cinco concelleiros, así como de dous deputados provinciais, quedando relegados ao terceiro lugar entre as forzas políticas con representación municipal no concello ourensán.

No comunicado a Comisión Executiva Provincial sinala que xa viñan alertando hai tempo do «umbo errático» do PSdeG na capital provincial, «especialmente, coa xeración de conflitos con algúns compañeiros e compañeiras que aínda non están resoltos». E engaden que se debe realizar «unha análise sosegada do resultado, co obxectivo de retomar o rumbo axeitado e recuperar o apoio perdido».

A Executiva socialista reuniuse na tarde do luns para analizar os resultados e adoptar medidas de apoio aos novos alcaldes e concelleiros e concelleiras para que poidan desenvolver o seu labor de xeito eficaz.