O deputado de Alternativa Galega de Esquerda Juan Fajardo denuncia que o Goberno de Feijóo «financia a deslocalización de firmas».

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) critica que «para a Xunta de Alberto Nuñez Feijóo, irrigar empresas con cartos de todas as galegas e galegos non implica ningunha fiscalización nin responsabilidade da compañía a respecto do emprego e das condicións laborais». A formación refírese en particular á empresa téxtil Adolfo Domínguez, que pretende levar adiante un ERE que deixará a firma con sede en Ourense coa metade dos 750 traballadores e traballadoras que tiña en 2011.

“Trátase dunha decisión da empresa de se deslocalizar, non responde á situación económica da mesma”, denunciou o deputado de AGE Juan Fajardo. Adolfo Domínguez, malia que no último exercicio mellorou un 43,5% a “explotación propia da produción” segundo datos pendurados na propia web, quere trasladar a produción a Madrid, China e India. “Non estamos a falar dunha empresa calquera, senón dunha que leva recibidos millóns de euros da Xunta e esta nin sequera fiscaliza as axudas”, engade Fajardo. É máis, diante desta situación, en que corren perigo uns 165 empregados, a compañía contratou o mesmo bufete de avogados que se encargou do ERE de Coca Cola declarado ilegal.

Ás preguntas concretas formuladas por Alternativa Galega de Esquerda na comisión parlamentaria de industria, o director do Igape, Javier Aguilera «dedicouse a reproducir a definición do organismo que dirixe publicada na páxina web e os datos referidos a axudas por ‘internacionalización’ –un 94%- entregadas a Adolfo Domínguez, 269.346».

As preguntas de AGE solicitaban «moita máis información: as subvencións concedidas pola Xunta, as súas consellarías e organismos e a contía das mesmas; a motivación e xustificación das mesmas; a posibilidade de que o Goberno estabeleza iniciativa contra a deslocalización do emprego e mais se existe a previsión de a Xunta se reunir co comité de empresa para informar de medidas ao respecto».