A “marea” ourensá rexeita entrar en ningún goberno. Os dous partidos en alza nos comicios municipais do pasado 24 de maio, Democracia Ourensana e Ourense en Común, mantiveron este luns unha xuntanza.

Por parte de DO acudiron Gonzalo Pérez Jácome, Miguel Caride e Eloy Mojón; por parte de Ourense en Común, Martiño Ramos, Martiño Xosé Vázquez e Trinidad Domínguez. Foi OueC quen fixo público a acta da reunión, na que Democracia Ourensana lle ofreceu á “marea” ourensá conformar un tripartito con eles e os socialistas. Conformarían unha maioría (17 edís) que, a xuízo de DO; “sería suficiente para lexitimar un goberno municipal alternativo ao do Partido Popular”.

Ese pacto de goberno proposto por Democracia Ourensana tería como máximas a transparencia total, a redución do gasto e control da xestión econónica e financeira, orzamentos participativos, auditoría da contratación e remunicipalización de servizos, priorización de necesidades nos servizos sociais e vivenda, e PXOM. Nesta proposta a alcaldía recaería na forza política representada por máis concelleiros (DO), a tenencia primeira na segunda forza (PSOE) e a tenencia segunda na terceira con maior representación (OUeC) cunha participación proporcional e por competencias no goberno municipal e todo baseado nun pacto común de gobernanza.

O futuro concelleiro de Ourense en Común, Martiño Xosé Vázquez, agradeceu o ofrecemento de DO a quen lle trasladou a postura de non conformar pactos de goberno con outras forzas políticas aínda que quedará “en mans da asamblea a decisión de dar soporte a outra candidatura para que forme goberno”. Por iso OUeC dará conta desta proposta de gobernanza conxunta á asemblea en común que se realizará na segunda semana de xuño.

Ambas formacións remataron a reunión deixando aberta a porta á comunicación no plano institucional.