A Xerencia do Sergas en Ourense organiza un encontro que percorrerá os principais fitos na asistencia á muller desde Atención Primaria.

 

A responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Eloína Núñez, e o xefe de servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, Xosé Luis Doval, presentaron a “I Xornada de Saúde da Muller” que se celebrará en Ourense o vindeiro sábado, 6 de xuño, dirixida a persoal de enfermería, matronas, médicos de Atención Primaria e traballadores sociais.

O programa da xornada abordará os principais fitos do Programa de Atención á Muller que permite ofertar asistencia naqueles aspectos que lle son propios directamente desde os centros de saúde en coordinación cos Servizos de Xinecoloxía, como o seguimento do embarazo normal, ou de baixo risco, a anticoncepción, o climaterio ou menopausia, e a prevención precoz do cancro xinecolóxico.

Para elo, estableceranse catro mesas de debate que abordarán o papel da enfermería, das matronas, dos médicos de familia, traballadores sociais e xinecólogos para ofertar á muller unha continuidade de coidados específicos, ao longo de todo o seu percorrido vital, coa vantaxe da accesibilidade e coordinación de estratexias en atención primaria e especializada.

Pioneiros na implantación do Programa da Muller
A responsable da xerencia, Eloína Núñez, destacou o relevante papel dos profesionais de Ourense, que fixeron posible implantar este programa en todos os servizos de Atención Primaria da provincia, onde se iniciou xa desde 1988, establecendo, desde os centros de saúde, unha fértil coordinación co Centro de Orientación Familiar, do que entón era responsable Xose Luis Doval, actual xefe de servizo de Xinecoloxía no CHUO.

Mostra da vixencia e actualidade do programa é que, tan só no pasado ano 2014, desenvolvéronse 13.959 consultas no marco do mesmo, delas 7.413 asumidas directamente polos especialistas en medicina familiar e comunitaria e 6.546 por enfermería.

O obxectivo da xornada é para o dr. Doval -“Poñer en común unha estratexia de xestión asistencial que xa leva funcionando en Ourense mais de 25 anos, como é o Programa de Atención á Muller en primaria, en relación co que é asistencia hospitalaria, coa idea de facilitar a asistencia á muller no dispositivo mais próximo a muller”.