Rosa, propietaria da vivenda de Reza

O Concello de Ourense fixa para as 9 da mañá do luns o derrubamento, para que os propietarios poidan retirar os seus enseres. Rosa e Miguel anuncian unha querela contra o alcalde en funcións, Agustín Fernández.

A orde de derrubamento da vivenda sen licenza de Reza foi adiada ata o luns a primeira hora. Así o acordou o Concello de Ourense nunha providencia este mediodía, que retrasa a demolición 48 horas para facilitarlle aos propietarios a retirada das súas pertenzas.

No barrio ourensán de Reza, este xoves estaba previsto o derrubamento da casa de Rosa Alonso e Miguel Fernández, que leva construída 23 anos e cuxa licenza, concedida ao amparo do PXOM de 2003, foi anulada canda este.

Desde primeira hora da mañá, axentes da Policía Local e da Nacional instaláranse nos accesos á vivenda para evitar o paso das persoas que pretendían solidarizarse coa familia e evitar o seu desaloxo. Este amplo dispositivo policial, composto por unha ducia de ‘leiteiras’ e máis dunha vintena de axentes, tampouco permitiu o acceso dos medios de comunicación á casa, nin do seu arquitecto, Fernando Blanco. Tan só uns poucos activistas de Stop Desafiuzamentos e xornalistas lograron acceder á parcela.

{gallery}stories/novas/20150604_reza{/gallery}

Durante a mañá vivíronse algúns momentos de tensión entre axentes e veciños. Mesmo un policía local chamou á protectora para que ‘desaloxara’ o can da familia, que finalmente quedou cos donos.
A media mañá coñecíase que o director da obra de demolición renunciaba, polo que o alcalde en funcións, o socialista Agustín Fernández, tivo que nomear de urxencia a dous técnicos municipais para este cargo. Funcionarios municipais trasladábanse entón á casa para negociar con Rosa e Miguel un adiamento do derrubamento. O acordo dalles 48 horas hábiles (ata o luns ás 9 h) para que retiren os seus enseres do que foi o seu fogar durante máis de dúas décadas.

Tras coñecer este novo prazo, Miguel declaraba á prensa “o cúmulo de irregularidades” coas que o Concello de Ourense pretendía executar a orde de demolición. “Preséntase co proxecto de demolición sen estar aprobado en Xunta de Goberno local, o alcalde nomea exprés dous técnicos saltándose as cuestión legais”, afirmou.

Pouco antes, a súa dona e propietaria da casa, Rosa Alonso, cualificaba de “surrealista” toda a actuación do Concello de Ourense e preguntábase “a qué viene esta premura cuando yo tengo una demanda contra la Xunta por acto nulo en el TSXG que está sin ver”.

Na mesma liña, Fernando Blanco, tachaba de “lamentable” o intento de desaloxo e demolición; “ese empecine xudicial de ferir” cando no momento en que se aprobe o novo Plan Xeral en redacción “a casa nosa e a do malvado veciño quedarían dentro do núcleo rural co cal desaparecerían as razón do derribo e quedarían legalizadas”. “Co novo Plan Xeral poderíamos levantar outra casa igual, que loucura é esta?”, reflexionaba.

Situación legal da vivenda
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia aclaraba este mércores que a casa fora construída, en 1991, en solo non urbanizable ou rústico sen licenza, tal e como recolle unha sentenza firme confirmada en apelación por sendas sentenzas da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG.

O tribunal insiste en que “la casa se construyó sin licencia alguna, con pleno conocimiento por sus promotores y arquitecto de su ilegalidad desde un principio”, afirmación que nega o arquitecto. A licenza, segue o comunicado do TSXG, que foi logo anulada polo Contencioso-Administrativo nº 1 de Ourense, pediuse e concedeuse tempo despois de que a obra se rematara, ao amparo no PXOM de 2003, que logo foi anulado o que levou consigo á súa vez á anulación da licenza de legalización.