Presentación Xuntanza Gaiteiros

Baixo o lema “30 anos de historia” tivo lugar no Pazo Provincial a presentación da XXX Xuntanza Internacional de Gaiteiros, evento que se desenvolverá a vindeira fin de semana en Monterrei.

 

No acto participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen destacou o labor desenvolvido pola Escola Provincial de Gaitas da man de Xosé Lois Foxo ao longo de trinta anos, “contribuíndo á dignificación e difusión do instrumento máis senlleiro de Galicia, algo que a Deputación de Ourense se sinte orgullosa de apoiar”.

Na presentación tamén participou o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, e o gaiteiro pontevedrés, Óscar Ibáñez, quen recalcou o valor que teñen este tipo de actividades co apoio da Deputación de Ourense, “exemplo que deberían seguir outras institucións”.

Nesta XXX edición participarán os Cigarróns de Verín, Gaiteiros de Flariz-Monterrei, Banda de Gaitas do Concello de Verín, Evgenia Panta (Grecia), Nova Era & Lapsus Gaita, Cantareiras da Real Banda, Banda de Gaitas do Riós, LixTrío, Dzianis Sukhi (Bielorrusia), Zampogneria Fiumerapido (Italia), Edelmiro Fernández e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

O evento compleméntase con conferencias que terán lugar o día 13 de xuño ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Verín, a cargo de Evgenia Panta e Alejandro Rizópulos, sobre a gaita nas illas gregas; Dzianis Sukhi, sobre a gaita en Bielorrusia, e o trío de música barroca Zampogneria Fiumerapido de Roma. Paralelamente haberá unha mostra fotográfica sobre o Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense na sala de Exposicións de Verín aberta do 12 ao 15 de xuño.

O 24 de xullo no contexto das festas da Ponte terá lugar a segunda xornada da XXX Xuntanza Internacional, rememorando a primeira edición da mesma que tivera lugar no ano 1985.