A Administración local pasará a ser titular das rúas Ourense, Conde Vallellano, Julio Rodríguez Soto e Martínez Avellanosa.

 

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se transfire a titularidade ao Concello do Carballiño a titularidade de catro rúas do núcleo urbano do municipio. Dese xeito, a Administración local pasará a ser titular das rúas Ourense, Conde Vallellano, Julio Rodríguez Soto e Martínez Avellanosa.

As rúas transferidas correspóndense cun resto da estrada N-541 (variante do Carballiño) e un resto da estrada OU-202 e o cambio de titularidade realízase en resposta á solicitude do Concello, por seren treitos de antigas estradas autonómicas que discorren polo centro urbano deste núcleo.

Trátase do resto da estrada N-541, coñecida como variante do Carballiño, entre o límite co termo municipal de Maside e a intersección coa estrada OU-208 (Partovia – O Carballiño). O treito correspóndese coas rúas Ourense, Conde Vallellano e a avenida Julio Rodríguez Soto e ten unha lonxitude de 1.090 metros. Tamén figura nesta cesión a antiga estrada OU-202, situada entre a actual N-541 e a N-541 (na confluencia coas rúas Conde Vallellano e Av. Julio Rodríguez Soto), que se corresponde coa rúa Martínez Avellanosa, de 370 metros de lonxitude.

Co cambio de titularidade, o Concello do Carballiño poderá actuar sobre estas vías, que pasan a ser de titularidade municipal, de modo acorde coas súas características urbanas. Cómpre lembrar que a Axencia Galega de Infraestruturas acometeu as melloras solicitadas por este municipio ourensán en materia de firme e na sinalización.

A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG), mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.