A Xunta de Goberno constituída está presidida polo alcalde e reunirase con carácter ordinario todos os xoves.

A Xunta de Goberno local do presente mandato municipal foi constituída este venres. Presidida polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e integrada pola totalidade dos concelleiros do grupo de goberno municipal, celebrará as súas sesións ordinarias con periodicidade semanal, os xoves, ás 8:30 horas. Tamén asistirán ás sesións, convocados polo alcalde, os órganos directivos de Asesoría Xurídica, Oficialía Maior e Intervención. Na sesións constitutiva acordouse tamén nomear concelleira- secretaria da Xunta de Goberno Local a Isabel María Castelo Villanueva e como substituta da mesma, en casos de ausencia, enfermidade ou abstención a Ana María Fernández Morenza.

Como establece o Regulamento Orgánico do Concello, a Xunta de Goberno local é o órgano que, baixo a presidencia do alcalde, colabora de forma colexiada na función de dirección política que a éste lle corresponde e exerce as funcións executivas e administrativas que se sinalan na Lei de Bases de Réxime Local.

Acordos

Trala sesión constitutiva, tivo lugar a primeira Xunta de Goberno local con capacidade para adoptar acordos. Nela aprobáronse dúas obras longamente demandadas polos veciños e veciñas da cidade: o proxecto reformado de urbanización da rúa Concello e a contratación da instalación dun ascensor na Praza de Abastos nº1, e a autorización de pagamento do concerto que ofrecerá o cantante Leiva nas Festas de Ourense que comezan mañá.

En primeiro lugar, foi aprobado o reformado do proxecto de urbanización da rúa Concello, redactado polo enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, don Iván Valcarce Rodríguez, presentado no rexistro do Concello en data 20 de maio do 2015 por un importe total de 766.124,39€ (IVE incluído). Este reformado modifica o primeiro punto do acordo adoptado na Xunta de Goberno Local de 26 de febreiro de 2015, no que constaba un orzamento de 597,330,13 euros, mais o correspondente IVE de 125,439,33 €, o que facía un orzamento total de 722,769,46 € (IVE incluído).

En segundo lugar, foi aprobado o expediente para contratar as obras de instalación na Praza de Abastos nº1, coa correspondente aprobación do gasto por un importe de 38.235€. Estas obras serán executadas pola empresa Ascensor As Burgas Diher Slu.

Por último, procedeuse tamén a autorizar a expedición dun pagamento a xustificar por importe de 21.780 € con destino ao pagamento do concerto do grupo Leiva que se celebrará o 25 de xuño durante as festas de Ourense, con cargo á partida 200-3380-22610 “festas tradicionais da cidade” do orzamento municipal vixente, nas condicións e con arranxo aos requisitos previstos na normativa que lle resulta de aplicación.