A alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, foron designados para elaborar a ponencia no tocante á provincia, polo que manterán reunións con colectivos para enriquecer as súas propostas.

 

No proceso de autocrítica do Partido Popular de Galicia iniciado tralos resultados electorais nas municipais do 24M, o PPdeG  decidiu realizar unha renovación de equipos e persoas, de actitudes, e de ideas. «E para elo, temos acordado iniciar a elaboración dunha ponencia política participativa, para establecer o novo discurso do PPdeG, para renovar as nosas ideas, con novas prioridades políticas, e escoitando novas voces que nos permitan avanzar cunha sociedade, a galega, que está en permanente cambio. Nós non podemos quedar atrás», explicou Ana María Villarino, alcaldesa de Oímbra, nunha rolda de prensa celebrada este martes na sede dos populares ourensáns.

No tocante a Ourense, o secretario xeral dos populares, Rosendo Fernández, recalcou que no PPOU se implantarán, a maiores das reunións previstas, mecanismos de participación para recoller as achegas da cidadanía. Estes serán un apartado na web www.ppou.es para o envío de propostas e un número de teléfono para recibilas mediante whatsapp (635 92 92 92). «No PPOU xa puxemos estes mecanismos en marcha na pasada precampaña e campaña electoral, co que as propostas remitidas foron incorporadas aos nosos programas electorais», lembrou Rosendo Fernández.

A alcaldesa de Oímbra recalcou que no PP «somos un partido de maiorías. Aspiramos a representar á maioría social. Somos un partido de goberno. Aspiramos a gobernar nas institucións para levar adiante o noso proxecto de transformación social. Somos un partido galeguista. Queremos que Galicia avance. Esa é a nosa prioridade central. A nosa forma de ser españois é ser galegos. E non entendemos unha cousa sen a outra. E Somos un partido de centro. E centrado nas persoas. Ser de centro é ser reformistas. Ser de centro é ser moderados.».

O Partido Popular de Galicia de cara á elaboración deste ponencia política participativa ten previsto escoitar ós colectivos e ás entidades máis relevantes da nosa comunidade.