Piden ao novo goberno municipal que faga ondear a bandeira multicor o vindeiro 28 de xuño para defender a diversidade sexual.

Coa conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBI (máis coñecido como Día do Orgullo Gai), dende Podemos Ourense veñen de manifestar o seu “total compromiso coa igualdade real e efectiva e a non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero”.

Consideran que se ten avanzado neste senso, pero que aínda existen “numerosas situacións nas que as persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais se teñen que enfrontar a experiencias discriminatorias que, coidamos, non deberan ter cabida na nosa sociedade”, denuncian.

Así mesmo, lembran que na procura desta igualdade en Galicia existe a Lei 2/2004, do 14 de abril, que dependía para a súa implantación efectiva do desenvolvemento regulamentario por parte da Xunta. “Dende Podemos Ourense queremos denunciar que dito desenvolvemento non se produciu, quedando a lei en pouco máis que papel mollado”, insisten.

Como consecuencia, pídenlle ao novo goberno municipal de Ourense que inste á Xunta a desenvolver dita normativa; así como que incida, a través de charlas ou cursos, na formación sobre a realidade LGTBI entre o persoal municipal; elabore estudos sobre a realidade LGTBI no concello de Ourense, a efectos de obter información precisa para a realización de plans de actuación contra a discriminación; realice de campañas e charlas en centros de ensino na procura da concienciación da sociedade e, en particular, de combater o acoso escolar existente por razón de LGTBfobia; e apoie todo tipo de eventos culturais que teñan como obxectivo a igualdade en materia LGTBI e a súa visibilidade.

Así mesmo, dende Podemos Ourense pídenlle ao novo goberno que faga ondear a bandeira do arco da vella que representa a este colectivo no concello de Ourense o próximo 28 de xuño, “como mostra de compromiso pola igualdade e a defensa da visibilidade de tódalas opcións afectivo-sexuais”, conclúen.