Pleno extraordinario de Ourense

Partido Socialista e Ourense en Común votaron en contra.

 

Este luns tivo lugar un pleno extraordinario urxente no que quedou fixado o organigrama e funcionamento do Goberno municipal e da corporación de Ourense. O PP aprobou en solitario as retribucións dos membros da corporación, grazas á abstención de Democracia Ourensana, pois Partido Socialista e Ourense en Común votaron en contra. Segundo este acordo, mantéñense as retribucións dos edís con dedicacións exclusivas ou parciais que viñan establecidas no último orzamento municipal, agás no caso do soldo do alcalde, que se reduce un 5%. Este cobrará 64.430 euros, os concelleiros populares con dedicación exclusiva 45.829, os edís da oposición con dedicación exclusiva 33.469 euros e as dedicacións parciais 16.734 euros.

Serán cinco concelleiros do grupo de goberno (amáis do rexedor) os que conten este mandato con dedicación exclusiva. Os nomes non foron incluídos na proposta levada a pleno pero segundo o publicado en varios medios, poderían ser Sofía Godoy, Pepe Araujo, María Isabel Castelo, Belén Iglesias e Mario Guede. No caso de Democracia Ourensana, terá dúas dedicacións exclusivas, que non serán nin para Gonzalo Pérez Jácome nin para Armando Ojea, precisou Jácome. O PSOE recibe unha dedicación completa e unha parcial, aínda que a decisión de quen as ostentará “no nos urge”, dixo Vázquez Barquero. En canto a Ourense en Común, asígnaselle dúas dedicacións parciais, para Martiño Xosé Vázquez e Ledicia Piñeiro.

Voceiros, constitución de comisión e reparto de competencias
No pleno tamén se puxo en coñecemento a constitución dos grupos políticos municipais, quedando como voceiros Francisco González polo PP, Gonzalo Pérez Jácome por DO, José Ángel Vázquez Barquero polo PSOE, e Martiño X. Vázquez (e non Miguel Doval que fora o cabeza de lista) por OueC.

Asemade, deuse conta á corporación dos membros da Xunta de Goberno local (todos os edís populares); da delegación de competencias aos concelleiros do grupo de goberno; da periodicidade das sesións (os plenos seguirán sendo os primeiros venres de cada mes ás 9 horas); da composición e réxime de sesións da Comisión do Pleno, a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións e a Comisión Especial de Contas; da composición do Consello Reitor do Consello Municiapl de Deportes e do seu presidente (Mario Guede).

OUeC votou contra a urxencia
Previamente, ratificarase a urxencia desta sesión plenaria extraordinaria urxente, apoiándoa PP, DO e PSOE e votando en contra OUeC ao considerar que non era urxente nin as formas nas que foi convocada as correctas.