Este colectivo acusa á Xunta de querer desmantelar este servizo público.

Os traballadores do Servizo Público de Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF), a través das organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, xunto coa asociación profesional Apropiga, veñen de denunciar a situación actual que atravesa o servizo, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar.

“O SPDCIF foi sempre un modelo de referencia en toda España, tanto pola súa efectividade como polo seu carácter 100% público”, explican estes profesionais, que critican que nos últimos anos a Xunta estea a apostar por unha “irresponsable fragmentación do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais en Galicia a través dun complexo entramado de organismos, empresas e institucións, que está prexudicando gravemente a eficiencia”, aseguran.

Os traballadores expoñen que o desmantelamento paulatino que o goberno da Xunta está a levar no SPDCIF, con estas políticas de disgregación progresiva dunha parte do dispositivo e a privatización doutra, “está a comprometer o noso traballo ó non recoñecer a nosa labor profesional como bombeiros forestais, ó precarizar ás condicións nas que traballamos ou ó negarnos a estabilidade laboral e salarial”, reclaman.

Ante esta situación, este colectivo decidiu mobilizarse para esixir “os nosos dereitos laborais”. Así, piden voltar a un servizo público, único e profesionalizado de prevención e extinción de incendios forestais como garantía de que se está a prestar o mellor servizo; a convocatoria dunha oferta pública de emprego para cubrir vacantes (xa que a metade dos profesionais son interinos sen garantías de futuro) co fin de lograr estabilidade laboral no sector; e o recoñecemento da categoría de bombeiro forestal. Neste senso, tamén destacan que a pesar da insistencia do sector de que se abra unha mesa de negociación coa consellería para tartar esta problemática “en seis anos non houbo ningún tipo de resposta”, reclaman.

Por todo iso, este martes 30 de xuño os traballadores do SPDCIF realizarán unha concentración, ás 11 horas ante a Xefatura Territorial da Xunta en Ourense, para esixir ao goberno autonómico que atenda as súas demandas.