Caída do falso teito do hospital

O elevado contraste térmico, rexistrado nos últimos días, foi a causa dunha nova caída dun falso teito de escaiola, sen que se teñan que lamentar danos físicos nin materiais.

 

Os técnicos, dos Servizos de Obras do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e do Servizo Galego de Saúde rematarán esta semana, unha completa revisión dos falsos teitos de escaiola do Edificio Santa María Nai, que se iniciou o pasado venres, tras a caída de parte do falso teito dunha consulta no soto, a que se engadíu unha na planta baixa esta madrugada.

Ambas consultas, contaban aínda cos falsos teitos de xeso orixinais deste edificio, de máis de 40 anos, que segundo a valoración dos técnicos, se viron afectados do importante contraste térmico rexistrado nos últimos días, con oscilacións de humidade e temperatura superior aos 20 graos centígrados. O proceso de contracción e dilatación, xunto co anticuado sistema de anclaxe e envellecemento dos materiais, xerou microfisuras na escaiola que cedeu.

A incidencia non afectou á actividade asistencial, nin causou danos materiais de consideración nas salas, sen uso durante a noite. Ambas serán reparadas estes días, unha vez conclúa a completa revisión da área por parte dos técnicos. Asemade, por seguridade, procedeuse a clausurar dúas salas axuntas.

A dirección do centro lamenta as molestias causadas aos usuarios, polos posibles retrasos derivados dos cambios de sala, e lembra que as obras do novo edificio de hospitalización, actualmente moi avanzadas, permitirán agrupar tanto a hospitalización como as consultas en áreas totalmente renovadas.

Valoración da Comisión do Centro

A valoración do acontecido coa caída destes falsos teitos non é a mesma para a Comisión de Centro do CHUO, que manifesta a súa preocupación «pola catastrófica situación que se está a vivir nos últimos días no Hospital Sta María Nai» tralo derrubamento, nos últimos catro días, do teito de dúas consultas médicas. «Alegrámonos de que non houbera que lamentar danos persoais posto que ambos incidentes se produciron fóra do horario laboral», engaden os traballadores no seu comunicado.

Para a Comisión de Centro estes incidentes «non fan máis que reforzar as denuncias sobre o deficiente e lamentable estado de conservación do hospital» e que «no mellor dos casos» obteñen «a calada por resposta desta Xerencia cando non a negación dos mesmos».

A representación dos traballadores esixe a paralización das consultas «ata que se poda garantir a seguridade de todas as instalacións do Hospital Sta María Nai».