Presentación informes técnicos Ribeira Sacra

Manuel Baltar destacou que con esta distinción “réndese homenaxe á historia, ás tradicións, á viticultura, ao patrimonio artístico e natural e aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental”.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na sede do Valedor do pobo en Santiago no acto de entrega dos informes técnicos para o expediente de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. No acto tamén estiveron presentes o Valedor do Pobo, José Julio Fernández; o deputado lugués e presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, e a responsable de Área do Valedor do Pobo, Beatriz González.  Este luns fíxose entrega da citada memoria científica e o paso seguinte será a solicitude de expediente BIC por parte da Consellería de Cultura.

Manuel Baltar dixo que toda Galicia “será Patrimonio Mundial cando recibamos este recoñecemento, porque con esta distinción réndese homenaxe á historia, ás tradicións, á viticultura, ao patrimonio artístico e natural e por suposto aos que habitaron estas terras en perfecta sintonía coa riqueza paisaxística e monumental”, engadindo que con esta nominación “protéxese un legado cultural que será motivo de orgullo para as vindeiras xeracións”.

O presidente do goberno provincial explicou que precisamente, nestes días “o Comité de Patrimonio Mundial da Unesco está a analizar as propostas xa presentadas, unha das cales (o Camiño Norte) afecta a Galicia”, e lembrou que o país “con máis bens Patrimonio da Humanidade é Italia, con 50, seguido de China con 47, e en terceiro lugar está España, con 44, un número moi destacado e significativo tendo en conta que países como Estados Unidos ou Australia teñen 22 e 19, respectivamente”.

Traballos técnicos

O documento enviarase agora ao Ministerio de Cultura para a súa presentación polo Reino de España -unha vez aprobada polo Consello do Patrimonio Histórico Español- ante o Centro de Patrimonio Mundial para que sexa avaliada polo Comité do Patrimonio Mundial.

A candidatura define, describe e delimita o ben proposto, ademais de delinear a súa historia e acreditar un valor universal excepcional, especificando neste caso como dito valor vaise manter e salvagardar por medio da protección legal e da xestión dos recursos que testemuñan o dito valor; cal será o proceso de xestión e o sistema a desenvolver, así como quen vai participar no mesmo.