Con esta medida, aposta por esta ferramenta que identifica e difunde os contidos galegos en Internet e contribúe á normalización da lingua nas novas tecnoloxías.

O Concello de Ourense implanta o dominio .gal nas súas comunicacións electrónicas. Este luns foron enviadas as primeiras mensaxes de correo electrónico desde contas de correo do Concello de Ourense coa extensión .gal, en sustitución da anteriormente existente .es.

O Concello avanza así na súa aposta por esta ferramenta de identificación e difusión dos contidos galegos na rede e dá un paso máis na normalización da lingua galega en áreas vinculadas ás novas tecnoloxías.

Xa se activaron as primeiras contas do Concello que utlizan o dominio .gal. Unha extensión que seguirase incorporando progresivamente ás contas de correo electrónico da totalidade dos diferentes servizos municipais.

Os traballos de implantación do novo dominio están sendo realizados polo Servizo de Sistemas de Información do Concello de Ourense.

O Concello xa ten activo en Internet o seu portal en Internet co dominio www.ourense.gal, ao que se incorporaron xa a totalidade dos contidos do anteriormente existente www.ourense.es. Progresivamente iranse adaptando ao novo dominio o resto de portais do Concello, específicos das diferentes concellerías.

Con estas medidas, o Concello de Ourense consolida a aposta polo dominio .gal, que será así o de referencia en todas as súas iniciativas na rede, tanto as actuais como as que desenvolva no futuro.

A asociación Puntogal é a promotora desta marca, que identifica os contidos que xeramos na rede en Galicia, un sufixo que comparten en Internet as páxinas escritas en galego, dentro e máis aló das fronteiras da comunidade autónoma. Coa súa implantación, o Concello refrenda o seu apoio ao desenvolvemento deste dominio galego en Internet que dá visibilidade no mundo dixital ao noso país.