O xurado desta XXXI edición decantouse polo traballo da coruñesa Eva Veiga Torre.

O Premio de Poesía Cidade de Ourense xa ten obra gañadora. Trátase de «Silencio Percutido», escrito pola coruñesa Eva Veiga Torre. O xurado chegou a esta conclusión tras unha ampla deliberación, dando conta dos corenta e seis exemplares presentados nesta edición.

O xurado chegou a esa determinación por unanimidade, tras valorar a intensidade dun discurso lírico que incorpora, dentro dunha “poética do silencio”, matices de fonda reflexión e sensorialidade, mantendo en todo momento un exercicio de linguaxe e depuración expresiva. Nesta trixésima primeira edición participaron como xurado: Irene Veiga Durán, Miguel Anxo Fernán Vello, Edelmiro Vázquez Naval, Rochi Nóvoa e Xavier Rodríguez Baixeiras – como gañador da edición anterior -. A técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense Mónica Fernández Valencia, actuou como secretaria e o concelleiro de Cultura, Francisco González Bouzán, foi o presidente do xurado.

O certame está dotado cun premio de 6.000 euros e a publicación do libro.