Augas de Galicia executou esta actuación hidráulica cun investimento de máis de 200.000 euros.

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de concluír as obras de mellora do abastecemento de auga en Abeleda, no Concello da Teixeira e procedeu á súa entrega. Augas de Galicia executou esta actuación que implicou un investimento de máis de 200.000 euros.

Con estas obras dáse solución ás carencias de abastecemento do núcleo de Abeleda, que só contaba con dous depósitos de auga, de 50 e 100 metros cúbicos, que resultaban insuficientes.

Co obxectivo principal de facilitar o abastecemento de auga a todos os habitantes do núcleo de Abeleda, instalouse unha nova condución de tubo de polietileno cunha lonxitude de 4.564 metros que parte desde o depósito existente na Teixeira. Este novo aporte ten unha capacidade de 100 metros cúbicos, co que se asegura que a poboación disporá de pleno abastecemento, xa que a fonte de alimentación é unha ETAP con captación no río Vaos, ata o de Abeleda.

Este servizo permitira dar servizo de abastecemento a unha poboación de máis de 200 habitantes, contando cos crecementos futuros.

A partir da entrega das obras, o Concello da Teixeira será a administración encargada do mantemento e conservación da infraestrutura hidráulica.