Jesús Vázquez avanzou con Xoán Vázquez Mao vías de colaboración «para reforzar a participación de Ourense en proxectos de cooperación da eurorrexión»; ao CCA Couto Centro prometeu apoio para o comercio local.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mantivo este martes senllos encontros co secretario xeral do Eixo Atlántico e coa directiva do Centro Comercial Aberto Couto Centro.

Vázquez recibiu no seu despacho ao secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, para avanzar en vías de colaboración «que permitan reactivar e estreitar a Participación do Concello de Ourense nos proxectos que desenvolve o Eixo Atlántico,» organismo sen ánimo de lucro no que se integran as cidades da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se dedica a apoiar iniciativas que fomenten a cooperación transfronteiriza.

Na xuntanza, previa a unha reunión técnica nas próximas semanas, alcalde e secretario xeral definiron vías de colaboración entre ambas entidades, co obxectivo de «reforzar a participación de Ourense en proxectos europeos do Eixo Atlántico e reforzar a posición de Ourense dentro do Eixo Atlántico».

O alcalde de Ourense será o coordinador dun dos grupos de traballo que se encargará de elaborar a Axenda urbana do Eixo Atlántico. Será o denominado “Cidade competitiva”, na que se integran áreas como as de Educación, Cultura, territorios creativos, turismo, emprego e Universidade. A axenda urbana é un documento que promove o Eixo Atlántico como instrumento de planificación sobre o papel que deben xogar as cidades despois da crise.

Tamén se fortalecerá a presenza de Ourense en Portugal, e a súa promoción desde un punto de vista turístico nas cidades do Eixo Atlántico, e moi especialmente no marco da Capitalidade da Cultura do Eixo Atlántico 2016, que acollerán Vilarreal e Matosinhos.

Apoio ao comercio local
Jesús Vázquez, acompañado da concelleira de Comercio, Ana Morenza, tamén mantivo este martes unha xuntanza no Concello co presidente da asociación Centro Comercial Aberto Couto Centro, Julio Prol, e a vicepresidenta Carmen Piña, aos que trasladaron a vontade do Concello de apoiar ao comercio local como elemento fundamental da economía ourensá e prestar a súa colaboración no desenvolvemento tanto do seu labor diario como de campañas como as da volta ao cole ou Nadal, entre outras, que se desenvolverán próximamente e supoñen un reto fundamental para o comercio ourensán.

O Goberno municipal comunicou aos representantes da asociación empresarial a súa vontade de que o comercio sexa un área moi importante dentro da acción política municipal durante este mandato.