Protesta do servizo público contra incendios

Os bombeiros do Servizo público de defensa contra Incendios forestais solicitan unha oferta pública de emprego coa cobertura de todas as vacantes, o recoñecemento da categoría forestal e estabilidade laboral e profesional.

 

Integrantes do SPDCIF (Servizo público de defensa contra Incendios forestais) na provincia de Ourense concentráronse este martes fronte á xefatura territorial de Medio Rural na capital ourensá para amosar as súas críticas á “denigrantes situación” na que a Xunta de Galicia ten este servizo público.

Segundo relatou nun comunicado o presidente do Comité de Empresa de Medio Rural de Ourense, Óscar Rodríguez, a Xunta de Galicia foi reducindo nos últimos anos a participación do SPDCIF no dispositivo contra incendios ata ser apenas un 35% dos efectivos. “Unha presenza pouco máis que testemuñal”, sinala Rodríguez, cando en anos anteriores chegara a ser o 80% do dispositivo e estar considerado o SPDCIF “como o máis eficaz do Estado español”.

Fronte a redución de brigadistas do servizo público, o Goberno galego potencia os “contratos millonarios a esas empresas que son sempre as mesmas” e asina convenios cos concellos para establecer brigadas municipais que, ademais de tarefas de extinción, deben realizar en pleno verán labores de prevención.

Entre as denuncias que fan os traballadores, están a falta de cobertura das prazas vacantes no servizo, a non reposición dos EPIs de extinción (equipos de protección individual) desde 2012 e a carencia de EPIS de prevención “a pesar das denuncias dos traballadores e do Comité”, ou o “lamentable” estado dos vehículos autobomba “os cales non se repoñen desde hai anos e paralelamente se entregan vehículos novos aos concellos onde serán utilizados como moito durante tres meses”.

Por estes motivos reclaman a defensa dun servizo público único de prevención e extinción de incendios , a convocatoria dunha oferta pública de emprego e cobertura de vacantes, o recoñecemento da categoría forestal e estabilidade laboral e profesional.

Críticas ao dispositivo contra incendios
Os traballadores do SPDCIF tamén son críticos coa maneira en que se está a levar a cabo o dispositivo contra incendios. En particular, co número de bombeiros que conforman unha brigada; “cando o operativo funcionaba ao 100% ían 4 ou 5 persoas, agora mesmo non atopamos ningunha brigada que vaia ao lume que teña 5 compoñentes, polo normal teñen dous ou tres, incluso algunhas veces nos atopamos cun componente, co risco para os traballadores e a eficacia, que non é a mesma”, explica Óscar Rodríguez.

Tamén apuntan a que está a aumentar a superficie que arde en cada incendio porque o tempo de reacción está sendo maior, pola redución de torretas de vixilancia en cada distrito forestal.

Solidariedade co axente forestal falecido
Os bombeiros aproveitaron a concentración para ler un manifesto en solidariedade co seu compañeiro falecido esta fin de semana despois da extinción dun incendio en Guntín, Lugo.