Para limitar as molestias aos pacientes hospitalizados neste edificio e axilizar os traballos de revisión, programarase a hospitalización no Edificio Cristal e Materno Infantil.

 

Para facilitar estes días os traballos de revisión e reparación dos falsos teitos do Edificio Santa María Nai mantendo a actividade asistencial, o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense trasladará este mrates de sala distintas consultas; para tal fin reforzarase o persoal da Unidade de Información para orientar aos pacientes ou acompañalos as novas ubicacións.

Asemade, co obxectivo de limitar ao máximo as molestias, derivadas dos traballos de revisión de tódolos falsos teitos orixinais deste edificio, así como para axilizar as reparacións que sexan precisas, o Servizo de Admisión deu as indicacións oportunas para priorizar os ingresos nas unidades de hospitalización dispoñibles dos edificios Cristal e Materno Infantil para, deste xeito, programar os distintos traballos que poidan ser necesarios.

As consultas que se trasladaron están situadas nas áreas onde estes días cedeu parte do falso teito de escaiola, nas plantas baixa e soto, ambas, contaban aínda cos falsos teitos de xeso orixinais deste edificio, de mais de 40 anos, que segundo a valoración dos técnicos, víronse afectadas polo importante contraste térmico rexistrado nos últimos días, con oscilacións de humidade e temperatura superior aos 20 graos centígrados.

Os técnicos consideran que o proceso de contración e dilatación, xunto co anticuado sistema de anclaxe e envellecemento dos materiais, xerou microfisuras na escaiola que cedeu, polo que, desde o pasado venres, técnicos dos servizos de obras do CHUO e do Sergas, proceden a unha completa revisión dos falsos teitos de escaiola, para evitar novas incidencias.

A dirección do centro lamenta as molestias causadas a usuarios e profesionais polos cambios de sala, pero lembra que nestes casos debe primar a prevención. As obras do novo edificio de hospitalización, actualmente moi avanzadas, permitirán nuns meses agrupar, tanto a hospitalización, como as consultas en áreas totalmente renovadas.