Dado que o goberno municipal non ten ningunha competencia na materia, pídenlle ao SERGAS que non os use como xustificación do seu retraso na construción desta infraestrutura.

 

Ante a resposta do Servizo Galego de Saúde sobre a proposta do goberno de Barbadás dun posible cambio na ubicación do centro de saúde da Valenzá, na que o organismo sanitario aclara que esta modificación implicaría unha nova tramitación; o goberno municipal recalca que “é competencia única e exclusiva dese organismo a licitación, adxudicación e execución da obra do novo centro de saúde da Valenzá, que o SERGAS nunca puxo reparos á ubicación actual e que a decisión do sitio foi tomada polo anterior grupo de goberno co visto bo da Consellaría de Sanidade e do propio SERGAS”.

“A situación herdada é un proxecto en marcha. Nós non temos posibilidade de escoller, nin de decidir nada”, explicou o tenente de alcalde, Xosé Manoel Fírvida. Por iso, esíxenlle ao Servizo Galego de Saúde que “asuma as súas responsabilidades e competencias e que non se escude no grupo de goberno de Barbadás para xustificar a súa paralización ou demora na súa construción, para o que non temos ningún tipo de competencia”, conclúe.