Esta formación aposta pola remunicipalización dos servizos básicos e anima aos veciños a presentar unha queixa formal sobre este problema.

 

Dende a formación política “Son do Pereiro de Aguiar” veñen de denunciar “o desleixo e abandono” que está a sufrir a parroquia de San Ciprián de Covas por parte do goberno municipal do Pereiro de Aguiar. “Todos os pobos desta parroquia, nomeadamente, Loñoá e Cebreiros sofren desde febreiro cortes no subministro de auga potable”, reclaman. Situación que, aseguran, empeorou en verán coas altas temperaturas.

Dende este partido explican que “son moitas as casas nas que o pozo é a única fonte para fornecerse de auga, e os veciños ademais quéixanse de que estes cortes afectan aos electrodomésticos”.

Por iso, dende “Son do Pereiro de Aguiar” apostan pola remunicipalización dos servizos básicos e animan á poboación destes núcleos a presentar unha queixa formal ante o Concello ou ante a empres a concesionaria (Viaqua); “pois a día de hoxe non recibiron explicación algunha sobre os motivos destes cortes de auga”, reclaman.

Neste senso, no vindeiro pleno de agosto esixirán explicacións no Concello e instarán ao goberno “ a que poña os medios ao seu alcance para obrigar á empresa a cumprir co disposto no contrato de adxudicación do servizo”, adiantan.