Na xuntanza o presidente deu conta dos nomeamentos e designacións de funcións dos deputados, analizáronse as liñas estratéxicas do Plan 15-19 e abordáronse temas organizativos.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu este 15 de xuño a primeira reunión do goberno provincial do cuadrienio político 2015-2019, unha xuntanza na que o presidente deu conta dos nomeamentos e designacións de funcións dos deputados, analizáronse as liñas estratéxicas do Plan 15-19 e abordáronse temas organizativos como a periodicidade das xuntas de goberno, que terán lugar todos os venres e de cuxos acordos dará conta a deputada Montserrat Lama.

Manuel Baltar informou aos 14 deputados dos nomeamentos das vicepresidencias e das delegacións de área e analizou con todos eles o Plan 15-19 “que interiorizamos como propio, pois foi co que me presentei ás eleccións locais e que agora é xa un plan de goberno que está a disposición dos cidadáns para que coñezan o mes e ano de cada unha das 77 medidas previstas no plan”.

O presidente provincial dixo que este grupo de goberno “afronta nos vindeiros catro anos o reto de mellorar social, económica e culturalmente a provincia de Ourense, e para elo queremos seguir sendo un goberno provincial de vangarda”, afirmando que se levará a cabo unha revisión da relación de postos de traballo “para gañar en eficiencia e eficacia”, para o cal, avanzou que se nomeará a un director ou directora xeral de Persoal que levará a responsabilidade de realizar esa revisión da RPT. Tamén dixo Manuel Baltar que se incrementará o número de áreas da estrutura orgánica da Deputación implementando un área de Transparencia e Goberno Aberto”.

Distribución de funcións
Dentro do goberno provincial, Baltar será o presidente; Rosendo Fernández, o vicepresidente 1º e ocuparase de Facenda e presidirá o Inorde; e Jorge Pumar, vicepresidente 2º e ocuparase de Administración Provincial.

Así mesmo, encargarase de Cultura, Manuel Doval; de Infraestruturas, Consuelo Vispo; de Medio Rural, José Antonio Feijóo; de Emigración, Antonio Montero; de Cooperación e Seguimento do Plan15-19, Pablo Pérez; de Emprego e Industria, Plácido Álvarez; de Enerxía e Medio Ambiente, Miguel A. Cid; de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama; de Deporte e Mocidade, Juan Anta; de Igualdade e Ciclo de Vida, Teresa Cerdeira; e de Termalismo e Turismo, Ana Villarino.