Denuncia que o goberno popular fixo unha xestión “fraudulenta” contratando empresas sen publicidade e fraccionando facturas “para bordear a legalidade”.

A nova concelleira de Cultura de Barbadás, Ánxela González, denunciou en rolda de prensa a situación caótica na que se atopaba esta concellería cando PSOE e BNG chegaron ao gobernó, “que despois da nefasta xestión de Consuelo Vispo quedou en números vermellos”, reclamou.

Segundo a nacionalista, esta concellaría tiña orzamentandos 85.000 euros e o día 16 de xuño quedaban 8.222 euros. “A maior sorpresa foi cando empezaron a entrar facturas de traballos xa realizados e que aínda estaban sen pagar por valor de 14.000 euros. Facturas das que non había expediente, nin xustificación de gasto, nin retención de crédito”, detalla.

O BNG de Barbadás califica a xestión do anterior goberno como “fraudelenta” ao contratar empresas sen publicidade e mesmo fraccionando o pago de facturas “para bordear a legalidade”.

O dispendio no gasto afecta, sobre todo, ao Entroido no que se lle pagaron a unha empresa 38.000 euros só polo desfile, detallan dende o BNG, “sen contar os premios nin o aluguer de traxes de membros do anterior equipo de goberno que foron cargados tamén as arcas municipais”, denuncian. Ademais, o espectáculo de Draq Queens tivo un custo de 19.000 euros máis 3.200 en premios; e o de “A Bóla máxica” costou outros 10.000 euros.

Nova xestión

A actual concelleira de Cultura anuncia que a súa xestión levaráse a cabo “con medios propios, aproveitando o talento existente no propio concello a través da Escola de Música ou os grupos de teatro existentes e pondo a disposición das agrupacións culturais e sociais os espazos públicos correspondentes”, explicou. “Pretendemos converter a cultura nun elemento dinámico que responda aos intereses da cidadanía e que esta sexa non só receptora de cultura, senón tamén xeradora de cultura”, dixo Ánxela González.

Tamén comunicou que antes de finalizar agosto estará operativa a Biblioteca Infantil na que se levarán a cabo actividades de animación e dinamización da lectura coa participación de familias e que abranguerá nendos dende 0 a 12 anos de idade.

Finalmente, convidou a acudir á proxeción do filme “A Esmorga”, que contará coa presenza do seu director, Ignacio Vilar. Será o 27 de agosto no Parque da Solaina.