Segundo PSOE e BNG, a proposta dos populares en relación á redución do IBI privaría ao Concello de 550.000 euros de orzamento.

Este 14 de xullo celebrouse en Barbadás un pleno extraordinario para abordar a petición do Partido Popular de reducir os valores catastrais do concello en base a Lei 16/2012 e que suporía unha baixada lineal do IBI sen atender a criterios sociolaborais.

Segundo explican dende o goberno, isto ocasionaría “o estrangulamento financeiro do concello”, denuncian dende o PSOE e o BNG, que explicaron que unha rebaixa lineal do 29% no recibo do IBI ía supor reducir o financiamento do concello en arredor de 551.000 euros, o que obrigaría a prescindir de dotar de servizos públicos á veciñanza, “como a escola de música, a gardería pública, o peche do polideportivo ou deixar de prestar servizos educativos, culturais ou memso os servizos sociais para as familias con maiores problemas económicos ou laborais”, denunciaron. Para o novo goberno de Barbadás esta petición é un “exercicio de grave irresponsabilidade política” por parte do PP, así como mostra do seu “cinismo”, xa que ata maio de 2015 puideron levar a cabo esta redución do IBI que agora piden.

Como consecuencia, o BNG presentou unha moción de substitución á parte dispositiva do PP na que se instaba ao grupo de Goberno a crear unha comisión especial de Facenda, con representación de todos os grupos políticos da corporación, para estudar o sistema impositivo e establecer medidas correctoras que permitan introducir factores sociolaborais para garantir un sistema fiscal máis progresivo dos tributos municipais.

Esta moción saíu adiante co apoio de nacionalistas e socialistas e tendo en conta o voto de calidade do alcalde, xa que en contra votaron PP e DO, e Compromiso por Barbadás abstívose. Pola súa banda, a moción do PP foi rexeitada cunha votación similar, votaron en contra PSOE e BNG, a favor PP e DO, e Compromiso abstívose.