Os veciños deben solicitar as citas médicas no centro médico de Maceda.

 

O PSOE de Esgos vén de denunciar que o centro de saúde do Concello tamén se ve afectado polos recortes da Xunta en materia de sanidade, de feito, denuncian ausencia de persoal administrativo durante os meses de verán. Esta situación provoca que en xullo e agosto as citas teñan que facerse chamando ao centro de saúde de Maceda, “que tamén se ve prexudicado pola carga administrativa engadida precisamente nos meses nos que hai menos persoal”, reclaman. Ademais, destacan que no Concello nestes meses se ve incrementada a poboación co número de visitantes, polo que tamén se poden incrementar as consultas sanitarias.

Segundo detallan, cada mañá chega un fax enviado dende Maceda coas citas do día e o persoal sanitario de Esgos encárgase da labor administrativa restante. “Non é de recibo que o persoal sanitario se adique a labores administrativas, posto que a súa función non é esa, senón a atención sanitaria os veciños do noso Concello”, denuncia o voceiro socialista en Esgos, Víctor Pérez.

Como consecuencia, esta situación será tamén denunciada no Parlamento de Galicia, dentro dunha serie de iniciativas en prol da defensa da sanidade que están levando a cabo dende o PSdeG-PSOE.