Francisco González e Sofía Godoy

Pagará de maneira inmediata as axudas a entidades sen lucro da convocatoria de 2014 e as de 2015.

O Concello de Ourense vén de desbloquear 545.173 euros en axudas sociais a entidades sen lucro da cidade. Nesta cantidade inclúense os 264,379 euros das axudas da convocatoria de 2014 e os 280.794 das subvencións do presente ano. Explicou a concelleira de Asuntos Sociais, Sofía Godoy, que as axudas do ano pasado estaban pendentes de pago debido a “defectos de forma” dos expedientes, un problema que “xa está solucionado”. Godoy tamén informou da reunión que terá coas entidades sociais o vindeiro martes.

Godoy deu conta destas axudas trala Xunta de Goberno local deste xoves, na que se aprobou solicitar á Xunta de Galicia dous millóns de euros para cofinanciar programas municipais de servizos sociais, nos que o Concello achegaría tres millóns de euros. A primeira das colaboracións é para financiar o funcionamento do Fogar do Transeúnte e a segunda para os servizos comunitarios de titularidade municipal, como a a axuda no fogar e a xestión de programas sociais.

Con respecto da situación laboral na empresa que se encarga da axuda a domicilio, cunha proposta de ERE temporal que afectaría á metade da súa plantilla , a edil de Asuntos Sociais recoñeceu que son «problemas internos» da adxudicataria «e nós pouco podemos facer, intentaremos axudar». Godoy explicou que o Concello ten pendente de pago á concesionaria (Seralia) un millón de euros relacionados coa adxudicación da limpeza en 2014 (non pola axuda a domicilio) debido, novamente a «defectos de forma nas facturas». Neste sentido, Francisco González apunto que «as empresas que cumpren coas súas obrigas están cobrando puntualmente».

Proxectos aprobados
Tamén en Xunta de Goberno local aprobouse inicialmente a urbanización da contorna do novo edificio xudicial e futuro centro de saúde do Couto, cun importe de 700.000 euros, e o proxecto de acondicionamento de varios camiños nas parroquias de Palmés e Castro de Beiro, cun importe de 68.391 euros. En concreto, intervirase no camiño que comunica Palmés e Naves, nos accesos a Cerdenao, no camiño Abelaira-O Castro e no camiño de Abeleda.

O voceiro do grupo de goberno, Francisco González, que compareceu xunto a Godoy, informou de que desde hoxe están colgadas na web municipal (no apartado de transparencia) as declaracións de bens de todos os concelleiros da corporación.