Rosendo Fernández e Mª Antonia Rilo

Rosendo Fernández e María Antonia Rilo presentaron esta tarde o programa de actividades deste encontro dos populares, que se desenvolve este venres e sábado.

 

A 5ª edición da Escola de Verán polos dereitos fundamentais e liberdades públicas “Miguel Ángel Blanco” volve ao Carballiño no mes de xullo, os días 17 e 18.

Esta actividade do Partido Popular de Ourense persegue manter vivo o exemplo de Miguel Ángel Blanco para non esquecer a barbarie terrorista e cruel consecuencia do totalitarismo máis radical, contrario aos valores da tolerancia e o respecto. 18 anos despois do seu asasinato, esta escola de verán consolídase como un referente político na provincia, sendo unha aposta decidida do presidente provincial, Manuel Baltar, como mostra do seu interese pola formación e participación política.

Tal e como expresou o secretario xeral do PPOU, Rosendo Fernández,“a importancia da Escola de Verán “Miguel Ángel Blanco” radica na súa finalidade, que non é outra que abordar os temas que configuren a actualidade na axenda política e social, para que os especialistas aporten a súa visión e así enriquecer o proxecto político popular e, por extensión, a comunicación entre a sociedade en xeral e a política”.

Pola súa banda, a coordinadora de Igualdade do PPOU, María Antonia Rilo, lembrou que a convocatoria deste ano está adicada á igualdade entre mulleres e homes, un dereito fundamental recollido na Constitución Española, no Tratado da Unión Europea e na Carta Europea de Dereitos Fundamentais, que debe garantirse en todos os ámbitos. “Ao longo das últimas décadas estase producindo un importante avance na igualdade “legal”, pero nós incidiremos na “real”, xa que, por exemplo, a taxa de actividade feminina é un 12% inferior á masculina; o salario é un 24% máis baixo e nos postos directivos hai un 31% de mulleres fronte ao 69% de homes”.

Para analizar esta situación e propoñer medidas que redunden na igualdade real, a escola de verán desenvolverá ponencias e mesas redondas, incidindo especialmente na avaliación da Lei 1/2204, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, auténtica lacra social e da que se cumpren dez anos dende a súa entrada en vigor como instrumento para erradicar a violencia contra as mulleres.

A inauguración da Escola de Verán está prevista para este venres ás 18.00 horas na Casa de Cultura do Carballiño e desenvolverá relatorios, mesas redondas e charlas que continuarán o sábado dende as 10:45 horas. A clausura, a cargo do presidente provincial, Manuel Baltar, será ás 12.00 horas do sábado 18 de xullo.